MARTIÑO NORIEGA, CANDIDATO Á ALCALDÍA DE COMPOSTELA (COMPOSTELA ABERTA)

“Se estamos en política non é para mantermos posicións cómodas”

“Se estamos en política non é para mantermos posicións cómodas”
Martiño Noriega
Martiño Noriega  

Martiño Noriega (A Coruña, 1975) é o alcalde de Compostela e aspira a revalidar o cargo por Compostela Aberta nas eleccións do 26 de maio. Militante de Anova, é médico de familia e foi alcalde en Teo. Sinala como unha das medidas prioritarias a fusión de Compostela e Teo. Responde este cuestionario vía correo electrónico.


Que valoración fai do seu mandato?

En liñas xerais a valoración é positiva, sempre ficas con ganas de ter feito máis, mais é certo que nos encontramos un Concello nunha situación moi calamitosa. Tivemos que investir moitos esforzos en normalizar a vida da administración local, que ficou moi tocada dos 4 anos do PP e o seus 3 alcaldes, mais que xa estaba en declive nos últimos gobernos de Bugallo.

Aínda así conseguimos varios avances cualitativos, deses que benefician o conxunto da cidadanía, como por exemplo a captación de fondos europeos, ningunha cidade galega pode presumir de ter captado 20 millóns como fixemos nós. Ou, se falamos de redución da débeda, conseguimos reducila á metade, de 47 millóns a 25 e todo isto aumentando o gasto social e sen subir os impostos. Demostramos que sabemos xestionar mellor que a dereita e que o partido socialista, e sempre no beneficio dos máis. E ademais demostramos que se podían dar debates que o neoliberalismo nos tiña imposto como fechados, como é o caso da desprivatización de servizos. Nós conseguimos reverter para o público a xestión da ORA e o guindastre, demostramos que era posíbel a remunicipalización de servizos e a súa xestión directa desde o público.

Temos a oportunidade de superar o pasado, e queremos aproveitala

É por todo isto que, aínda que teño moitas ganas de completar o ciclo e fechalo cun segundo mandato, podo facer unha valoración positiva. Isto non quita que nos presentemos con ganas de repetir e de conseguir máis futuro para Santiago, que é o noso lema de campaña. Temos a oportunidade de superar o pasado, e queremos aproveitala.

De todas as medidas que impulsou, cal salientaría e por que?

Podería salientar moitas, mais penso que das que me sinto máis orgulloso son daquelas que teñen que ver coa Compostela dos coidados. Síntome orgulloso de ser dos primeiros en ter aprobado e aplicado unha Ordenanza de Garantía Básica que garante a autonomía das persoas e o que aínda é máis importante, a súa dignidade. De conseguir elevar o investimento social dos 55 euros por habitante a duplicalo e deixalo nos 111 euros. Mais tamén penso que cómpre salientar outras medidas que garanten os dereitos sociais como o termos multiplicado por sete o orzamento das bolsas de comedor e actividades pasando de 250 a 1.200 bolsas anuais. Ou conseguirmos implantar un bono-taxi para as persoas con dificultades de mobilidade e maiores do rural. Ou medidas que afianza Santiago como un Territorio Feminista abrindo a Casa das Mulleres ‘Xohana Torres’, un espazo de encontro e empoderamento. Ou termos impulsado a campaña ‘En Negro contra as violencias machistas’ que se ampliou a máis de cen concellos.

Este goberno puxo os intereses da cidade por cima de calquera outro

E aínda que os coidados e o social foron o noso principal foco, penso que é de xustiza salientar que este goberno puxo os intereses da cidade por cima de calquera outro. Nunca tivemos unha práctica partidista e por iso practicamos o diálogo institucional, desde o respecto, mas mantendo sempre a lealdade do lado dos intereses de Compostela.

Somos a capital do país, a capital de Galiza, e sempre tivemos isto moi presente. Sabemos que aló onde imos non só representamos a nosa veciñanza senón o conxunto da cidadanía galega. E por isto que nos tomamos moi en serio o diálogo para continuar a facer de Compostela un lugar de consenso, e grazas a isto desbloqueamos infraestruturas que levaban máis vinte anos atascadas, que nin o señor Bugallo, nin o señor Hernández, como alcaldes, conseguiron acordar con outras administracións. E froito deste traballo chegaron a Intermodal, a nova EDAR, as conexións norte da AP9 ou orbital, a variante de Aradas, ou a saída da autoestrada na Cidade da Cultura. Chegou a xente do común á alcaldía e en catro anos desbloqueou máis cuestións que os políticos profesionais en dúas décadas.

Que dificultades enfrontou estes catro anos o seu concello?

Desde o punto de vista administrativo penso que a maior dificultade foi esa degradación dos circuítos administrativos que xa comentei antes. E sobre todo a desconfianza que existía, da xente, na institución. Pouco a pouco conseguimos ir revertendo isto, e aínda falta moito por facer, mais quen diga que agora estamos peor que hai catro anos, ou non sabe o que di, ou mente radicalmente. E isto é algo que nos recoñece todo o mundo, pensa que hai catro anos as principais preocupacións da cidadanía de Santiago eran a corrupción política e a desconfianza nos políticos. Vale, resulta que agora as principais preocupacións son as fochancas e as obras, pois imaxina o que ten cambiado a situación, porque hai catro anos había moitas máis fochancas que agora, a paternidade colocáronma a min mais imaxina, se a cidade estaba totalmente desatendida e aínda así o que lle preocupaba ás santiaguesas e santiagueses eran os políticos e a corrupción! Agora son as fochancas, e iso que cando nos chegamos só había 8.000 euros para tapalas e agora temos 2 millóns ao ano.

Hai catro anos había moitas máis fochancas que agora, a paternidade colocáronma a min

Alén destas resistencias internas, da casa, penso que outra das grandes dificultades veu dada desde fóra. Falo, fundamentalmente dos poderes mediáticos que desde o primeiro momento quixeron cuestionar a lexitimidade do noso goberno. O cal é curioso, porque ao mesmo tempo que estabelecíamos unha relación de estreita colaboración co tecido asociativo de Compostela, e este tecido nos ía recoñecendo e acompañando, ao tempo que eran esixentes, pois os poderes mediáticos -moi dependentes do PP de Feixoo e Rueda- tentaban apertarnos cada vez máis. Construíndo unha realidade paralela ao tempo que practicaban as fake news.

Como valora o papel da oposición?

Entendo que cada un ten que facer o seu papel, en liñas xerais nós tentamos buscar as complicidades co BNG e co PSOE, sobre todo cos primeiros, mais non fomos demasiado correspondidos. É certo que conseguimos viabilizar os orzamentos todos os anos menos este último, aínda que tamén é certo que presentamos documentos que incorporaban moitas propostas deles e que estaban encadrados dentro de políticas progresistas e de esquerdas nas que, penso, os tres partidos nos recoñecemos.

Nós quixemos exercer e aproveitar o claro mandato emanado das urnas cando 16 de 25 concelleiros se situaban na esquerda mais ás veces tenme chamado a atención que tanto PSOE como BNG se poidan entender na Deputación, e que lles custase tanto entenderse con nós en Raxoi, é evidente que, neste sentido, fomos unha forza que removeu a comodidade na que vivían instalados e que colocamos cuestións sobre a mesa que pode ser que os faga sentir incómodos, como é o caso da remunicipalización dos servizos. Veremos se Bugallo e Goretti nos queren apoiar en propostas ambiciosas como a de recuperar a xestión directa da auga desde o Concello, ou se pola contra prefiren colaborar en políticas cativas como as do teleférico.

Veremos se Bugallo e Goretti nos queren apoiar en propostas ambiciosas como a de recuperar a xestión directa da auga

Sobre o PP, penso que é un partido que non está á altura da representación que a cidadanía lles ten dado. Daría moito para falar, mais está claro que o seu portavoz e actual candidato non foi capaz de superar o papel de desleal delegado da Xunta de Galicia, colocando os seus intereses de partido por riba dos da cidade, case sempre. Temos a relación rota a raíz das súas falsidades e mentiras sobre nós e sobre un sector numeroso de Compostela.

Cal é a principal necesidade de Compostela? 

Hai varias, nós entendemos que o Concello non é o principio e fin de todas as cousas en Santiago de Compostela. É un motor importante, moi importante, para que a cidade funciona, mais non é o único. Neste catro anos Santiago de Compostela ten mellorado en todo, os índices de emprego, de renda, de diminución do risco de pobreza, estamos mellor que hai catro anos e tamén mellor que hai oito anos. E iso non é mérito exclusivo noso, non é mérito exclusivo nin do Concello, nin do goberno de Compostela Aberta, senón do conxunto da sociedade. Aínda así penso que si que temos contribuído a esta mellora e que na medida en que consigamos que o Concello de Santiago sexa máis moderno e eficiente pois conseguiremos que sexa máis útil para a veciñanza. E para isto, no próximo mandato recolleremos o sementado neste, veremos a administración electrónica como unha conquista feita realidade, con demasiado retraso, é certo, mais é que cando nós chegamos non había nada feito, nin Bugallo, nin os tres alcaldes do PP se tiñan preocupado disto en pleno século XXI.

Tivo que ser Compostela Aberta quen a licitara e quen comece a súa implantación. A maiores disto penso que é necesario continuar a sacar ofertas públicas de emprego, algo que estaba tamén paralizado cando chegamos e que tivemos que reactivar.

Cal será a primeira medida que impulsará no novo mandato?

Xa nos temos comprometido a iniciar dúas medidas que serían de enorme calado como é formular a fusión de municipios con Ames e Teo. E neste caso semella que desde Teo existe unha concordancia e complicidade para que así o fagamos. E outra medida sería iniciar o proceso de remunicipalización da xestión da auga. Porque se estamos en política non é para mantermos posicións cómodas, penso que temos que afrontar o retos e desafíos para ter máis futuro. E este é un deles, porque a xestión directa é máis eficiente, transparente e sostíbel, e porque este é un ben fundamental das persoas, un dereito que non debera estar sometido ás regras do mercado.

Estas serán as nosas dúas primeiras medidas de calado mais temos un programa moi completo que tenta dar resposta a todos desafíos que Santiago de Compostela ten por diante.