XULIO FERREIRO, CANDIDATO Á ALCALDÍA DA CORUÑA. MAREA ATLÁNTICA

"Estou orgulloso de vivir na primeira cidade do Estado que crea unha renda social municipal"

"Estou orgulloso de vivir na primeira cidade do Estado que crea unha renda social municipal"
Xulio Ferreiro
Xulio Ferreiro  

A chegada do actual alcalde da Coruña a María Pita mudou o tradicional mapa de reparto de actas na Galiza. Xulio Ferreiro á fronte da Marea Atlántica obtivo 10 actas e o bastón de mando da cidade. En poucos días Ferreiro afronta o reto da reelección nun concello onde todo apunta a que o vindeiro goberno será plural e asentado en pactos entre distintas forzas. Ferreiro coñece ben a cidade. Naceu no barrio dos Mallos, estudou no Instituto Rafael Puga Ramón e actualmente vive na Gaiteira. É profesor titular de Dereito e maxistrado suplente da Audiencia Provincial de Lugo, ademais de socio e seareiro do Dépor. Responde por correo electrónico o cuestionario para Sermos Galiza.
 


Que valoración fai do seu mandato?

Foron catro anos positivos para A Coruña, nos que se iniciou un cambio de modelo de cidade moi necesario. A Coruña ten hoxe unhas prioridades sociais claras, unhas políticas que buscan a cohesión social de maneira transversal, desde un urbanismo integrador, que aposta pola accesibilidade universal e se reparte nos barrios, até a aposta por unha economía sostíbel e innovadora.

A Coruña é hoxe unha cidade que ten como preocupación as persoas

A Coruña é hoxe unha cidade que ten como preocupación as persoas e a creación dun contexto máis amábel e vivíbel. Temos un modelo de mobilidade máis sostíbel e diverso, máis europeo, que prioriza o transporte público, a bicicleta e os desprazamentos a pé, e temos claras as prioridades para naturalizar a cidade e aportar o noso gran de area, o noso esforzo, no combate global contra o cambio climático.

Creo que hoxe A Coruña é unha cidade puxante, na que pasan cousas e tamén un lugar que hoxe é máis xusto e que o será aínda máis nos vindeiros anos, cando a Marea Atlántica afonde neste cambio de modelo.

De todas as medidas que impulsou, cal salientaría e por que?

Dicir que é moi difícil escoller unha non é un tópico neste caso. Estou moi orgulloso de moitas cousas que fixemos e todas son importantes, cada unha no seu ámbito. Estou orgulloso de vivir na primeira cidade do Estado que crea unha renda social municipal, tamén de ser o primeiro goberno que en 30 anos loitou e conseguiu baixar o prezo do bus urbano e que sexa gratis para menores de 13 anos, da extensión do carril bici, do Plan de Vertido Cero na nosa ría e de ter plantando máis de 1.500 árbores, ou das canles de participación cidadá abertas nestes catro anos, entre outras.

Estou moi orgulloso de ter plantando máis de 1.500 árbores, do carril bici ou das canles de participación cidadá abertas nestes catro anos, entre outras

Todas estas foron medidas moi positivas para a cidade, que se notan no día a día. Pero tamén hai outras, como evitar a bancarrota á que nos levaba a chapuza do Conde de Fenosa, e que suporía deixar de prestar algúns servizos públicos esenciais, vender patrimonio público e subir os tributos locais, ou a batalla que estamos a dar para que o porto da cidade sexa terreo público, aberto ao uso e ás necesidades dos coruñeses e das coruñesas. Cousas que supuxeron un traballo inxente para este goberno e que son máis difíciles de palpar no día a día da veciñanza.

Que dificultades enfrontou estes catro anos o seu concello?

Atopamos un concello con graves necesidades de persoal. As políticas de restrición que impuxo o goberno do Estado crearon moitísimos problemas para manter e estender os servizos municipais e iso foi un freo para moitos proxectos e unha sobrecarga para o cadro de persoal actual.

Padecemos unha oposición moi pouco construtiva

Padecemos, ademais, unha oposición moi pouco construtiva, que puxo trabas á aprobación de tres dos catro orzamentos do mandato, e un contexto político que levou ao bloqueo por parte da Xunta e do Estado de actuacións esenciais para A Coruña, como a reforma de Alfonso Molina, a estación intermodal ou a conexión ferroviaria ao porto exterior, por exemplo, que repercuten directamente na cidadanía.

Como valora o papel da oposición?

O non polo non. Creo que lles faltou valentía, e algo de imaxinación política. Foi moi complicado chegar a acordos co PSOE, que se empeñou en poñerse á altura do PP local e co que por momentos foi difícil a interlocución, con tantos cambios na portavocía e viraxes nas súas posicións.

Foi moi complicado chegar a acordos co PSOE, que se empeñou en poñerse á altura do PP local

O PP coruñés fixo o que despois fixo o novo PP de Pablo Casado: unha oposición disparatada, agresiva, sen límites nin respecto ningún. Unha oposición ao goberno e á cidade, que se prolonga en cada administración na que goberna, e que non dubida en acusar de maneira falaz ou xudicializar a vida política, a pesar de que sabe que alí tampouco atopa a razón. Supoño que é a estratexia de quen carece de modelo e de proxecto para a cidade. Pero xa está vendo que nin así teñen resultados.

Cal é a principal necesidade do seu concello?

Temos que seguir avanzando no modelo de cidade posto a andar neste mandato, en contraposición co modelo de negocio que propoñen outros. A necesidade é poñer as persoas no centro, o que significa que imos seguir poñendo en marcha medidas que teñan fondo social.

Temos dez retos que van marcar toda a acción do goberno e que van no sentido dos grandes desafíos globais

Temos dez retos que van marcar toda a acción do goberno e que van no sentido dos grandes desafíos globais: a vocación de liderado, a mobilidade sostíbel, a loita contra o cambio climático, a innovación, a igualdade de xénero, a xustiza social, os coidados, a cooperación, o dereito á cidade e o poder da proximidade, que é a capacidade para sacar adiante un proxecto de convivencia, máis alá das competencias concretas que ten unha administración pública como a local, e o reto de resolver os problemas que outras administracións son incapaces de ver, ou ben non queren atender. Para todos eles propoñemos medidas claras e eficaces.

En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará no novo mandato?

Hai moitos proxectos clave que a nosa cidade precisa e que non poden concretarse sen a colaboración do resto das administracións. Por iso anunciei na presentación do programa de goberno que cando rematen as eleccións as sentaremos nunha Mesa Permanente de Cooperación e tamén que reuniremos os principais actores sociais e económicos da cidade nun Consello da Cidade. Tamén iniciaremos os procesos para dar cumprimento a medidas sociais clave como a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos.