DÍA DA PATRIA GALEGA

EU lembra "os primeiros concellos democráticos" no “Día de Galicia”

EU lembra "os primeiros concellos democráticos" no “Día de Galicia”
[Imaxe: EU] Rubén Pérez, Pilar Díaz e Eva Solla, en Mugardos.
[Imaxe: EU] Rubén Pérez, Pilar Díaz e Eva Solla, en Mugardos.  

Esquerda Unida elixiu máis un ano Mugardos para desenvolver o acto co que conmemora o 25 de Xullo e no que puxo o aceno “na importancia das alcaldías democráticas” e “na loita da esquerda”.


A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, deslocouse a Mugardos para participar no acto convocado pola organización con motivo do 25 de Xullo para reivindicar “a importancia das alcaldías democráticas”.

Hai dous anos, lembrou, EU homenaxeou Juan Prieto Balsa, último alcalde republicano asasinado pola ditadura. “Hoxe volvemos reivindicar a constitución dos primeiros concellos democráticos”. Empregou un fío vermello como metáfora entre o pasado e presente “transitando polos concellos republicanos”, desde os que mellorar “as condicións de vida da clase traballadora galega”. Apostou por centrar as loitas nese “conflito de clase”.

Eva Solla chamou a “desaloxar a dereita” e a conquistar un país que “non se constrúe sen soberanía alimentar, sen industria, sen futuro para mozas e mozos”. “No Día de Galicia temos que lembrar a loita da esquerda para mudar as políticas de recortes e de destrución de emprego do bipartidismo”, salientou.

Tamén tomou a palabra o secretario de Organización de EU, Rubén Pérez, que insistiu en enxalzar “a importancia do traballo das compañeiras e compañeiros desde os concellos antes chamados democráticos, onde estaba representado, cando non existía Esquerda Unida, o Partido Comunista de Galicia, en 1979”.

Se algo intentou facer a dereita foi frear as eleccións do 77, xa que non querían outra Fronte Popular. Pero estas eleccións foron importantes porque tiveron lugar despois dunha ditadura e en plena consolidación da democracia; e foi unha batalla moi dura”, afirmou.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, encargouse de presentar un acto de carácter festivo e político que decorreu baixo o lema “Un fío vermello para tecer alternativa de país” e que finalizou cun xantar.