Yolanda Díaz: "Non houbo nin unha só discusión ideolóxica no grupo parlamentar de AGE"

Yolanda Díaz: "Non houbo nin unha só discusión ideolóxica no grupo parlamentar de AGE"

O Consello Político Nacional de EU ratificou estav fin de semana á coordinadora nacional, Yolanda Díaz. Díaz afirmou nunha entrevista en Ser Galicia, que a coalición con Anova goza de boa saúde ("non houbo nin unha discusión ideolóxica" no grupo parlamentar) e que AGE recolle os desexos de cambio da cidadanía


Nunha entrevista na cadea Ser Galicia, Yolanda Díaz defendeu AGE como a fórmula que está a amosar ser válida para canalizar e recoller os desexos cidadáns de poñer fin ao actual sistema político. Díaz defendeu a coaligación con Anova ("non houbo nin unha discusión ideolóxica que nos diferenciase") e mesmo afirmou que "hai formacións políticas que traballan todos os días para que AGE rache".

Díaz sinalou na entrevista que "a xente votounos para rachar co discurso político" existente, tanto no fondo como na forma, de aí apuntou a que no Parlamento AGE opte por un posicionamento afastado de "moqueta". Considera que "o actual rexime está cada vez máis en cuestión" e, nese sentido, acrecentou que a ferramenta de AGE vai ter moito que dicir.

Extrema dereita

A coordenadora de EU en Galiza cualificou o goberno de PP de "extrema-dereita", e atacou a reforma da lei eleitoral proposta por Feijóo, cualificouna de "pucheirazo" que "agrede a minorías políticas e electorais". 

Electa

Yolanda Díaz afirmou na súa reelección como coordenadora de EU que “a responsabilidade de Esquerda Unida nesta nova etapa política pasa por artellarmos unha ferramenta de loita quen de parar as políticas da dereita”. A nova executiva nacional de Esquerda Unida está composta por nove persoas.

Trátase dun órgano cuxa responsabilidade primeira, como aseverou Yolanda Díaz, é a de “facer de Esquerda Unida un dos piares fundamentais para a construción do bloque alternativo quen de facer confluír a todas as forzas da esquerda transformadora no proxecto de non só parar as políticas destrutivas da dereita encabezada por Feijóo, senón tamén de construír a alternativa política”.