A Eurocámara debrúzase sobre a situación das rías do Burgo e Vigo

A Eurocámara debrúzase sobre a situación das rías do Burgo e Vigo
Ría do Burgo
Ría do Burgo  

A eurodeputada Ana Miranda (BNG) organiza esta segunda feira 21 de xaneiro unha xornada de traballo no Parlamento Europeo para valorar os incumprimentos das recomendacións europeas de saneamento das rías do Burgo e Vigo


Xunto coa eurodeputada da formación nacionalista, comparecerá na Eurocámara unha delegación formada por integrantes das plataformas en Defensa da Ría de Vigo-Serxio Regueira, presidente- e da Confraría da Coruña-Felipe Canosa, patrón maior- así como a Concelleira da Coruña Avia Veira, o Concelleiro de Culleredo Antonio Chouciño, Francisco Jorquera polo BNG da Coruña e Xabier Pérez Igrexas polo BNG de Vigo.

"O tratamento e a calidade da auga é unha das nosas prioridades políticas e debemos esixir o saneamento integral das nosas rías, dada a súa importancia para o sector pesqueiro, marisqueiro, para o medio ambiente e o turismo", explica Miranda.

A comparecencia na Comisión de Peticións de Bruxelas é resultado dunha investigación realizada por unha delegación do Parlamento Europeo en Galiza en febreiro do 2013.

O informe desta visita será estudado de novo na eurocámara após negociacións do BNG. "Que este tema volva á Comisión de Peticións, -cos votos en contra do PP-, é unha oportunidade de corrixir aquilo que o Partido Popular non fixo durante estes cinco anos ao respecto do saneamento integral das rías", subliña Miranda a propósito do insuficiente investimento por parte dos gobernos estatal e autonómico.

Actualmente a ría de Vigo non ten asignada ningunha consignación económica. Os aliviadoiros que existen son os mesmos que hai anos polo que a contaminación e os vertidos seguen a existir, explicou a eurodeputada.

En canto á ría do Burgo, a actividade económica e os postos de traballo descenderon drásticamente nos últimos anos debido á deficiente calidade da auga, din dende a formación nacionalista.

A delegación completa participará após da Comisión nunha reunión con eurodeputados do Grupo Verdes-Alianza Libre Europea-Ale, do que forma parte o BNG. Tamén, a terza feira 22 de xaneiro realizarán unha rolda de prensa no Parlamento Europeo.



x