O Europarlamento admite a trámite dúas denuncias das vítimas do sinistro de Angrois

O Europarlamento admite a trámite dúas denuncias das vítimas do sinistro de Angrois

Unha comisión investigará as dúas demandas admitidas: por publicidade enganosa e incumprimento da normativa de seguridade.


A Comisión de peticións do Europarlamento admite a trámite as dúas denuncias presentadas pola plataforma de vítimas do accidente do Alvia, polo que inciará o exame de ambas as dúas demandas. Unha delas acusa o Estado español de incumprir a normativa comunitaria de seguridade ferroviaria. Outra, denuncia un posíbel delito de publicidade enganosa. Cecilia Wikström, presidenta da Comisión de peticións, informou mediante unha carta ás vítimas da admisión a trámite das súas denuncias. Esa misiva, á que tivo acceso Europa Press, comunica a esta plataforma que o Europarlamento solicitou un informe sobre este accidente á Axencia ferroviaria europea.

Unha delegación da Plataforma Vítimas Alvia 04155 estivo en Bruxelas, da man do BNG, para manter reunicóns con responsábeis de transporte da Comisión e do Europarlamento. En abril, a Axencia ferroviaria europea informou que rematara o seu exame do informe da Comisión de investigación de accidentes ferroviarios (Ciaf) sobre as posibles causas do descarrilamento. A negativa a publicalo provocou a reacción das vítimas, que recolleron máis de 267.000 sinaturas pedindo que ese informe vise a luz, algo que está a estudar a Comisión.