Eva Solla prefire que Yolanda Díaz continúe no Congreso

Eva Solla prefire que Yolanda Díaz continúe no Congreso
Eva Solla
Eva Solla  
No político a súa relación non é boa. Eva Solla, coordenadora de EU, pon freo ás aspiracións dunha Yolanda Díaz que este domingo non se desbotaba como eventual candidata da confluencia nas eleccións galegas de 2020. A ollos do aparato de Izquierda Unida, a organización estatal e tamén a galega, a principal lealdade de Yolanda Díaz non é co seu partido, senón con Pablo Iglesias.

Yolanda Díaz, veterana referente de Esquerda Unida, aspiraba a ser ministra de Traballo nun goberno presidido por Pedro Sánchez. Non puido ser, dado o interese do PSOE en reter esa carteira. O desenlace da investidura falida deixa a política ferrolá sen aparentes opcións a dar un salto ao executivo estatal, daí que aparentemente, e tal e como deu a entender nunha entrevista en Radio Galicia-SER, agora poña o foco outravolta na política galega.

Todo indica que nesa nova aventura non vai contar co apoio do aparato de Esquerda Unida. "Sobre a compañeira [en relación a Yolanda Díaz], o seu traballo non está en entredito. A organización fixo un esforzo importante para que estivera durante esta lexislatura no Congreso e esperemos que cumpra con ese traballo", dixo Solla esta segunda feira após participar na comisión de peticións do Parlamento galego que votou, coa oposición de En Marea e BNG, o nomeamento de María Xosé Porteiro como vicevaledora.

"Evidentemente ese esforzo [o feito por Esquerda Unida para levar Yolanda Díaz a Madrid] merece que o seu traballo continúe o resto da lexislatura", enfatizou a líder de EU na Galiza.

Cuestións de química persoal á marxe, os desencontros entre o aparato de EU/IU e Yolanda Díaz teñen a ver coa extrema cercanía que esta mantén con Pablo Iglesias, proximidade que nos últimas a ten levado a se posicionar co líder de Podemos e en contra do seu partido a respeito da conveniencia ou non de ligar inescusabelmente o apoio á investidura de Sánchez a que a confluencia entre nun goberno de coalición. Se non fose posíbel ese executivo, IU optaría por viabilizar a continuidade do socialista na Moncloa antes de ir a eleccións. Iglesias e Díaz, en troca, mantéñense na dialéctica de que ou hai coalición ou non haberá ningún tipo de acordo co PSOE.