EVA SOLLA, PORTAVOZ DE SANIDADE DE EN MAREA

“É evidente que o PP non vai estar cómodo nesta comisión de investigación”

“É evidente que o PP non vai estar cómodo nesta comisión de investigación”

En Marea, PSdeG e BNG pactaron sumar forzas para que no Parlamento galego se cree unha comisión de investigación sobre a morte dun paciente no PAC da Estrada e as consecuencias dos recortes en Sanidade. Conversamos con Eva Solla, vicepresidenta do Parlamento e portavoz de Sanidade de En Marea na Cámara galega, sobre este os obxectivos e percorrido deste órgano parlamentar


-Por que unha comisión de investigación no Parlamento de Galiza sobre a sanidade galega?

-A saúde é un aspecto relevante para calquera persoa, por iso calquera cuestión en torno á sanidade é de gran importancia. E a sanidade en Galiza está a ser un dos nichos de negocio e privatización habituais para a industria, favorecidos polo goberno do PP. Ademais, esa privatización e os recortes destes anos leva a un deterioro do sistema público, algo que se fixo notábel e palpábel nesta etapa de goberno do Partido Popular. A morte en agosto dun paciente no PAC da Estrada [sen asistencia médica] é a faísca que prende a necesidade da comisión.

A sanidade en Galiza está a ser un dos nichos de negocio e privatización habituais para a industria, favorecidos polo goberno do PP

-O falecemento de José Manuel Brea no PAC da Estrada en agosto non vai ser a única cuestión a debate e análise nesta comisión de investigación, xa desde a posición anunciastes que se ían abordar máis temas.

-Creo que hai dous bloques moi importantes para tratar aquí. Un, o que ten a ver cos recortes e onde o protagonismo ten que recaer nos profesionais dos diferentes servizos, aí ten que ouvirse a opinión dos representantes sindicais, dos propios traballadores que poidan acudir á comisión para constatar eses efectos dos recortes. Outro bloque sería o relativo ás privatizacións no sistema galego de saúde. Nos últimos anos tivemos aspectos bastante chave, como o que ten a ver co que pasou no Hospital de Vigo, con Medtronic [En Marea acusou a Xunta de permitir que unha multinacional "dirixa" as unidades de cardioloxía nos hospitais galegos], coa privatización en campos como a alta tecnoloxía no sistema galego de saúde…

Entendemos que teñen que comparecer na comisión os máximos responsábeis desta privatización, desde o propio presidente da Xunta, Núñez Feixóo, até os que iniciaron este proceso, como pode ser Romay Becaría. Non sabemos se o PP vai estar disposto a permitir estas comparecencias mais nós entendemos que son necesarias.

Teñen que comparecer na comisión os máximos responsábeis desta privatización, desde o presidente da Xunta, Núñez Feixóo, até os que iniciaron este proceso, como pode ser Romay Becaría

-Na presentación da comisión, as tres forzas coincidiades na preocupación porque o PP puidese usar a súa maioría para ‘bloquear’ ou ‘desvirtuar’ unha comisión da que é evidente que non gosta

-Esa preocupación haina, é evidente. Eles [o PP] xa anunciaron que non estaban polo feito de que esta comisión se alargase. É importante que neste órgano se trate a morte do paciente na Estrada ou o dos falecidos polo atrasamento nos tratamentos da Hepatite C, mais tamén debe servir para facer unha análise que poña cara aos responsábeis de todo o que pasou nestes anos na sanidade galega. O PP non está cómodo nesta situación, é evidente, polo que pode intentar coartar os plans de traballo do órgano, dificultar a comparecencia de determinadas persoas… Supoño que o que van facer é intentar xustificar esa estratexia dicindo que non queren que se eternice a comisión.  

-A comisión nace da acción conxunta dos tres grupos da oposición, é ese o camiño a seguir para facer fronte ao PP?

-En xeral e en materia de sanidade hai un consenso amplo nos tres grupos da oposición. Hai un consenso e nas comisións de Sanidade no Parlamento evidénciase, así como no Pleno cando se tratan estes temas, pois hai apoio das propostas dun grupo polos outros. A situación de deterioro da sanidade pública é tan grave que calquera persoa cun mínimo de sensibilidade para coa sanidade pública sumaría forzas na súa defensa, independentemente dos matices en cuestións concretas.



x