Falece o socialista Xosé Luís Rodríguez Pardo, cofundador do PSG

Falece o socialista Xosé Luís Rodríguez Pardo, cofundador do PSG
Rodríguez Pardo [Foto: Xurxo Lobato]
Rodríguez Pardo [Foto: Xurxo Lobato]  

Morreu aos 81 anos unha figura moi relevante da historia da socialdemocracia na Galiza.


Rodríguez Pardo (1936-2018), avogado de profisión, fixo parte da equipa de dirixentes políticos que en agosto de 1963, na clandestinidade, fundaron o Partido Socialista Galego, a formación socialista á que se unirían mozos que logo serían protagonistas relevantes da vida política e tamén cultural do país, entre eles Xosé Manuel Beiras.

 

Pardo foi dos políticos do PSG .-canda Ceferino Díaz e o que acabaría sendo presidente da Xunta, Fernando González Laxe- que tomaron a decisión de se integrar no PSOE, partido ao que se sumarían como colectivo en 1978.

 

Xa no PSOE foi secretario xeral do PSdeG e deputado no Congreso. Aliás, tomou parte na asemblea de parlamentares que elaborou o Estatuto de Autonomía de Galiza. Tamén foi senador e durante unha lexislatura (1989-1993) deputado no Pazo do Hórreo.

 

Foi tamén un incansábel activista pola cultura -cofundador da Agrupación Cultural O Facho na Coruña- e polo debate público, sempre nunha liña de defensa do ideario socialdemócrata e galeguista.

 

A morte de Rodríguez Pardo tivo impacto en twitter, con mensaxes de homenaxe e condolencia por parte dos seus compañeiros e compañeiras, entre eles o actual secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.

 

 

 

 

 

 



x