YOLANDA DÍAZ, CANDIDATA Nº 1 DE EN COMÚN-UNIDAS PODEMOS POR PONTEVEDRA

"Falemos do que falemos, Galiza estivo presente a través de Unidas-Podemos"

"Falemos do que falemos, Galiza estivo presente a través de Unidas-Podemos"
Yolanda Díaz Pérez
Yolanda Díaz Pérez  

Yolanda Díaz Pérez é avogada de profesión. Nada en Fene en 1971, estivo vinculada ao movemento de esquerdas desde moi nova. Foi coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada do Parlamento galego na anterior lexislatura con AGE. Actualmente é deputada no Congreso e preséntase de novo ás eleccións do 28 de abril co reto de “pór as institucións ao servizo da xente e ser útiles á cidadanía”. Responde por correo electrónico o cuestionario formulado por Sermos Galiza.


Que se xoga o pobo galego nas vindeiras eleccións do 28A?

Nestas eleccións hai moito en xogo, ter un goberno ao servizo das maiorías sociais e que sexa quen de enfrontar os poderosos, as eléctricas, os bancos e a quen determinan as políticas do Estado sen presentarse ás eleccións.

Estámonos xogando que o Estado cumpra con Galiza, de verdade

A vía reaccionaria de Vox-Ciudadanos e un PP situado na dereita extrema, e tamén a dun PSOE entregado a Ciudadanos, implicaría unha regresión no social e un proceso recentralizador que vai ser contrario ao autogoberno e contrario a Galiza. Estámonos xogando que o Estado cumpra con Galiza, de verdade.

Que lectura fai da lexislatura anterior a respecto de Galiza?

A lexislatura que rematamos foi na que máis presente estiveron os problemas de Galiza, non só pola presenza continua e sistemática das demandas da cidadanía que trasladou o noso grupo, senón tamén polo protagonismo da proposición de lei do Parlamento galego sobre a AP9, a comisión de investigación do Alvia ou da crise financeira onde as caixas galegas estiveron presentes pola nosa forza no Congreso.

A lexislatura que rematamos foi na que máis presente estiveron os problemas de Galiza

Falemos do que falemos, Galiza estivo presente a través nosa: saneamento das rías, AP9 gratuíta, eixo atlántico ferroviario, Pazo de Meirás, vertebración do territorio, Navantia, Long Hope, pesca, leite, incendios, Ence, débeda dos portos galegos, Alcoa.

Se estas cuestións entraron na axenda do Estado, foi pola presenza do noso grupo.

A verdade é que estamos ben orgullosas do noso labor e da repercusión política e social do noso traballo.

Cales serían para vostede as tres principais problemáticas que afectan a Galiza?

A precariedade e o paro, o declive industrial e o abandono do rural, e ligado a isto tamén o envellecemento, as pensións e os coidados. Os diferentes gobernos foron permitindo que o noso país se estea convertendo nun deserto demográfico, de emprego e tamén industrial. Os retos que temos por diante como país e como sociedade implican unha actuación pública decidida que plante cara ás multinacionais, que deixan tiradas a traballadoras e traballadores; ás patronais ,que impiden un traballo con dereitos; ás financeiras, que impiden a subida das pensións; aos gobernos, que deixan abandonado o noso país.

Na confrontación entre os poderosos e os intereses das maiorías, a cidadanía galega é unha das principais vítimas

Na confrontación entre os poderosos e os intereses das maiorías, a cidadanía galega é unha das principais vítimas, e quen máis ten que gañar cun goberno a favor da xente e con participación galega.

Que deputada ou deputado sería referente para o seu labor no Congreso?

Para min referentes da actividade no Congreso son as deputadas e deputados do PNV

Pois para min referentes da actividade no Congreso son as deputadas e deputados do PNV. Sempre manteñen posicións solventes e con sentido de Estado, pero sen dúbida a miña referencia é Irene Montero, como deputada que demostrou o novo tempo das mulleres, moza, solvente e sen medo, que recolle a forza das rúas que son capaces de construír un horizonte de esperanza para a maioría da nosa xente.

A miña referencia é Irene Montero, como deputada que demostrou o novo tempo das mulleres

É un orgullo poder compartir con ela, e por suposto con Tone e Pam este proxecto galego para o Estado.

Cal será a primeira iniciativa que defenderá no Congreso?

A primeira iniciativa desta lexislatura en realidade será un número superior ás 2.000 iniciativas. Agora continuaremos con folgos renovados para situar os problemas e os desexos da xente do noso país no Estado. A primeira non vai ser unha simple iniciativa, calquera goberno progresista futuro sabe que vai ter que atender a “Axenda Galega do Cambio”, unha auténtica folla de ruta para unha acción do Estado comprometida co desenvolvemento do noso país. Garantir que o Estado cumpra con Galiza.

Como ve as opcións de En Común-Unidas Podemos na cita electoral?

Todo está aberto, case a metade do electorado non sabe aínda que vai votar. Por iso é clave que todo o mundo vote, que non quede ninguén na casa e sexa consciente que o seu voto é decisivo. Unha baixa participación pode facer que goberne unha dereita extrema, recentralizadora e contraria a Galiza ou ben que goberne un PSOE entregado a Ciudadanos, asumindo as súas posicións neoliberais, submisas ante os poderosos e tamén contrarias á cidadanía galega.

É clave que todo o mundo vote, que non quede ninguén na casa e sexa consciente que o seu voto é decisivo

Nós estamos moi animadas, sabemos que as nosas deputadas e deputados van ser determinantes no próximo goberno do Estado. As enquisas hai que tomalas con cautela pero estannos dando opcións en todas as circunscricións e a posibilidade de manter ou superar a representación de 2016. Desde logo nós percibimos unha enorme corrente de simpatía, a xente vén onde nós para felicitarnos e mostrar o seu apoio.

Galiza é unha sociedade valente e dános moitos folgos para o reto que temos por diante.