NA COMISIÓN PARALELA DE SANIDADE

A familia do falecido no PAC da Estrada acusa a Xunta de "falta de empatía e humanidade"

A familia do falecido no PAC da Estrada acusa a Xunta de "falta de empatía e humanidade"
Os grupos da oposición co portavoz da familia do falecido na Estrada e un médico e unha enfermeira representantes dos PAC
Os grupos da oposición co portavoz da familia do falecido na Estrada e un médico e unha enfermeira representantes dos PAC  Imaxe: Uxía Castro

Finalmente e a pesar do intento de veto do Partido Popular, a Comisión Paralela de Sanidade tivo lugar a mañá desta segunda feira 17 de decembro na sala de reunións de En Marea no Parlamento de Galiza


Abriu as intervencións Manuel Pereira, portavoz da familia da persoa falecida no PAC da Estrada. Despois de agradecer aos grupos da oposición - BNG, En Marea e PSdG-  os seus esforzos para a creación dunha Comisión de Investigación do suceso, ”para entender que é o que está pasando realmente coa sanidade galega” e mostrar o seu máximo respecto polos profesionais, manifestou o seu profundo desagrado pola “incomprensión, falta de empatía e humanidade coa que a familia foi tratada polos representantes do Partido Popular, que non foron quen de ter unha soa palabra de apoio ou mostra de condolencia pola morte de Xosé Manuel”.

Visíbelmente emocionado, procedeu logo a ler unha carta da filla do falecido, quen expresou a “incertidume” na que viven por non saber que tería pasado se o seu pai tivese recibido a atención médica axeitada. “Non hai dereito a que ningunha persoa pase por estes duros momentos debido a mala xestión dos recursos sanitarios. Pedimos que se cumpran as normas e disposicións establecidas para o funcionamento destes centros, do contrario casos como o do meu pai poderían repetirse”.

Tras el, Eduardo Díaz, médico de familia, traballador de diferentes PACs da provincia de Pontevedra e representante da plataforma “PACs en pé de Guerra”, quen denunciou a “produtividade mal entendida” dos PACS. Así, explicou a extrema importancia de que o persoal deste tipo de centros se atope dispoñíbel todo o tempo a fin de poder atender as urxencias coa maior axilidade posíbel.

O que sucede en realidade, pola contra, é que case a totalidade das consultas que reciben neste tipo de centros son orixinadas pola “precariedade” dos Centros de Atención Primaria. Denunciou pois, que a a inmensa maioría de pacientes dos PAC acoden debido a que non son quen de obter unha cita no seu médico de Atención Primaria. Por baixa, vacacións ou listaxes de agarda interminábeis. A situación xerada por estes casos di “non nos permite estar prestos e operativos para asistir as urxencias”.

_MG_0170

Engadiu ademais, que en verán se producen unhas ausencias de até o 50% sumado ao aumento da poboación de ate 100.000 persoas nalgunhas localidades. É por isto que o persoal médico debe facer prolongacións e gardas a maiores para atender a sobrecarga de pacientes. “Podo acreditar un pico de 127 pacientes nunha garda de 24 horas e 109 pacientes citados nunha soa consulta de mañá nun centro de saúde de Pontevedra. E non falo de ningunha catástrofe como o tren de Angrois ou a explosión de Tui, falo dun día corrente do verán”, concluíu.

Foi logo a quenda de Pilar Rodríguez, enfermeira do PAC de A Guarda. Reforzando as palabras do seu compañeiro, explicou á sala que o traballo dos PACS non consiste só en atender as demandas que van chegando ao centro senón que tamén asisten as urxencias na vía pública, domicilios ou mesmo catástrofes, requiridos a través da central de coordinación do 061.

Este tipo de servizos deixan aos centros completamente “desatendidos, con só un único sanitario, que de se atopar cun doente grave non pode realizar tarefas que precisan de atención en equipo pola súa simultaneidade”. De contar con só un médico e enfermeira que se teñan que desprazar ao lugar dos feitos, o centro queda só cun celador para atender a calquera urxencia que apareza, sexa cal sexa a súa gravidade.

Podo acreditar un pico de 127 pacientes nunha garda de 24 horas e 109 pacientes citados nunha soa consulta de mañá nun centro de saúde de Pontevedra

Contou tamén de primeira man situacións de extrema precariedade, como que unha paciente cun ictus e unha cun shock anafiláctico tiveran que compartir ambulancia porque “esperar por unha segunda serían polo menos 30 minutos”, esenciais para a supervivencia da paciente. Ou como tivo que acudir a rescates co vehículo dun veciño ou en taxi debido á ausencia das ambulancias.

Nas súas palabras, a falta de recursos “acaba expulsando aos profesionais do sistema, marchan á privada ou outros servizos” polo que concluíu que “ a fórmula para que volvan é xerar emprego estábel”.

Intervención dos grupos da oposición

Finalizada a intervención dos tres convidados, procederon a declarar os tres grupos da oposición e organizadores da Comisión.

Polo BNG, Ana Pontón, portavoz nacional, denunciou que “ problema non é que non haxa persoal sanitario. Hai unha bolsa importante de persoal médico e sanitario en paro, debido aos recortes. Investimos nas súa formación e agora están traballando fóra das nosas fronteiras”.

Engadiu que a familia do falecido está a dar “unha lección de dignidade” e que lles gustaría que comparecencia se puidera celebrar na Comisión de Investigación pola morte no PAC da Estrada. Comisión á que calificou de “fraudulenta” por non estaren presentes as voces de quen sofre os recortes: pacientes e persoal sanitario.

Polo PSdG, o deputado Julio Torrado valorou a situación xeral da sanidade galega nun “déficit existencial provocado por un déficit de recursos materiais e humanos”. Esta falta de recursos humanos di, ”hoxe en día semella que para a Xunta e a Consellería é máis unha escusa que un problema”.

Segundo contou, moitos profesionais teñen marchado a outros sistemas sanitarios ou a empresas privadas debido a precariedade os recortes. “Foron as condicións do sistema, o propio sistema, quen os botou fora. O orzamento de 2019 prevé que o número de persoal sexa 58 menos que o ano pasado e 300 menos con respecto ao 2017”, dixo.

O traballo dos PACS non consiste só en atender as demandas que van chegando ao centro senón que tamén asisten as urxencias na vía pública, domicilios ou mesmo catástrofes

Por En Marea, a deputada Eva Solla e o portavoz Luís Villares compartiron quenda de palabra. Para Villares, “ existe unha necesidade de contarlle á cidadanía que está pasando co sistema sanitario. O coñecemento da verdade era algo que se tería que producir de forma oficial nesta casa.”

Eva Solla incidiu na necesidade de planificar as ausencias xustificadas de persoal sanitario por motivos como enfermidade, vacacións ou falecemento dun familiar para non “ deixar á cidadanía sen a atención de calidade á que ten dereito”.



x