10-N

Tomar o vermú, pasear coa familia ou mercar libros no día de reflexión

Tomar o vermú, pasear coa familia ou mercar libros no día de reflexión
Cela, Novo, Pontón e Rego na Praza de Abastos
Cela, Novo, Pontón e Rego na Praza de Abastos  

As forzas políticas animan a participar nas eleccións do 10-N. Tomar o vermú na compostelá praza de Abastos, pasear coa familia, mercar roupa para as crianzas ou acudir aos magostos propios deste mes son algúns dos plans das e dos líderes e candidatos das forzas políticas para este sábado de reflexión.


A tradicional xornada de reflexión, tan posta en dúbida pola súa carencia de sentido, é aproveitada polas candidatas, candidatos e líderes das forzas políticas para tomar un descanso e pasar un día en familia, tomar o vermú coas compañeiras e amizades ou degustar as castañas da época.

A praza de Abastos da capital galega foi o enclave escollido pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, para tomar un vermú con compañeiras e compañeiros da formación nacionalista, así como o candidato nacionalista ao Congreso, Néstor Rego, e máis a candidata ao Senado Tereixa Novo.

Pontón quixo agradecer o esforzo de todas as persoas, militantes ou non do BNG, que se implicaron na campaña nacionalista. Animou ademais as persoas que non teñen decidido aínda o seu voto a que reflexionen pensando no mellor para a Galiza e pediulles que lembren que a conquista ao dereito ao voto non foi un agasallo e que houbo que loitar por el, polo que chamou a participar nas eleccións. «É básico que a cidadanía exprese a súa opinión e que iso sirva para poder construír un futuro mellor para a Galiza», afirmou Pontón.

Caballero e as catro candidatas do PSdeG

Quen tamén paseou polo centro histórico de Compostela foi o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, coas candidatas ao Congreso Pilar Cancela, Olga Alonso, Marina Ortega e Ana Prieto. Caballero realizou un chamamento á «alta participación» porque «é bo en democracia», e animou ademais a que «cada un vote en liberdade, polo que crea mellor para España e para a Galiza».

«Percorremos o conxunto da Galiza, as catro provincias, estivemos nas comarcas, nos concellos do país nunha campaña que transcorreu con normalidade, cunha mobilización crecente», esgrimiu o líder do PSdeG.

Tras esta cita coas catro candidatas na capital galega, Gonzalo Caballero desprazouse ata Vigo para participar na gala da 43ª edición dos Premios dá Crítica de Galicia.

A cabeza de lista por Pontevedra de En Común Unidas Podemos, Yolanda Díaz, quixo pasear coa súa parella e filla e percorrer as librarías. Tamén coa familia están os candidatos da Coruña, Antón Gómez Reino; de Ourense, David Bruzos; e de Lugo, Vanesa Somoza.

Marta González e María Ramallo, candidatas do PP ao Congreso pola circunscrición da Coruña e Pontevedra respectivamente, participan en magostos propios da época do outono xunto a compañeiros de militancia. Tanto o candidato conservador por Lugo, Jaime de Olano, como Ana Belén Vázquez, número 1 por Ourense, decidiron pasar esta xornada de reflexión con candansúas familias.

Beatriz Pino, deputada por Ciudadanos por Pontevedra, tomou un aperitivo coa súa equipa en Vigo, mentres que a deputada pola Coruña, María Vilas, acudiu cos seus compañeiros e compañeiras a unha tenda de roupa para crianzas en Compostela para comprar algunha cousa para a súa futura filla.