Fanse 75 anos da saída do prelo de "Sempre en Galiza"

Fanse 75 anos da saída do prelo de "Sempre en Galiza"
[Imaxe: RAG]
[Imaxe: RAG]  

O ensaio político de referencia do nacionalismo do século XX fai 75 anos. E é que o 10 de marzo de 1944 saía do prelo en Bos Aires Sempre en Galiza, de Castelao.


Corría o 10 de marzo de 1944 cando vía a luz en Bos Aires Sempre en Galiza, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a obra de referencia do nacionalismo do século XX. Un guieiro que chegou a Galiza de maneira clandestina como un tratado de patriotismo galego.

A obra compréndese de artigos, ensaios, conferencias e discursos, alén de material escrito especificamente para o libro. O limiar, baixo a denominación Adro, inclúe os artigos que Castelao escribira desde Badaxoz para A Nosa Terra en 1935. A primeira parte correspóndese cos escritos publicados en Nueva Galicia, o xornal que os exiliados galegos publicaban en Madrid. A segunda parte escribiuna en Nova York e durante a viaxe que o levou a Bos Aires en 1940.  A terceira e cuarta parte –cuxo primeiro capítulo inclúe o comezo do discurso “Alba de Groria”– foi tecida en Bos Aires entre 1942 e 1943.

A respeito do contido, Castelao realiza un achegamento á historia do país, propostas para a reconstrución do Estado español en que se conciba Galiza como nación, unha defensa apaixonada da lingua galega e aclaracións conceptuais sobre termos como Estado, autodeterminación ou nación. “Unha nación é soberán e ten dereito a orgaizarse autonómicamente, sen máis límites que os derivados do respeto ao dereito igoal das demáis nacionalidades. "Galiza é unha nación e, por conseguinte, ten dereito a federarse con outros povos iguais a ela; e non recoñecerlle o dereito de autodeterminación -inclusive para viver con absoluta independencia- será sempre un acto tiránico e antiliberal", escribiu o intelectual.

Sermos Galiza dedícalle o A FONDO

Setenta e cinco anos após saír do prelo, Sempre en Galiza mantén a vixencia e a actualidade nos postulados recollidos, dada a dependencia que segue a sufrir Galiza. Sermos Galiza revisita esta peza teórica fundamental do nacionalismo galego na súa próxima edición en papel. O semanario número 338, que chega a quinta feira, día 14 aos quiosques, dedicará o suplemento A FONDO a esta obra de Castelao para conmemorar os seus 75 anos.