LUÍS REI NÚÑEZ, CANDIDATO Á ALCALDÍA DE PONTEVEDRA POLA MAREA

"Faremos chegar as primeiras rendas sociais municipais"

"Faremos chegar as primeiras rendas sociais municipais"
Luís Rei
Luís Rei  

Escritor e xornalista, Luís Rei Núñez é o candidato de Marea Pontevedra á Alcaldía. Concelleiro da Marea após postularse como alcalde en 2015, traballa na Televisión de Galicia, onde foi director de cultura no período 2005-2009.


Que supuxeron estes catro anos para o seu concello?

Tempo perdido para “dar coa tecla” que permita que Pontevedra lle poña freo ao declive económico da última década, cando á crise que padeceu todo o país se lle sumaron desde o PP e a Xunta de Feixoo decisións que foron privando a cidade de competencias e recursos que estaban asociados á súa condición de capital. De maneira que todo o derivado da rede administrativa foi perdendo peso mentres iso non se compensou con novas apostas, obrigando a mocidade, e non só, a ter que buscar oportunidades lonxe.

Como valora o traballo desenvolvido pola alcaldía?

Rutineiro, como corresponde a un alcalde, e canda el o resto do equipo, que superou xa os vinte anos no posto. Ante os grandes problemas, optaron por desentenderse. Así,  non traballaron na busca dun modelo económico que permita facer que Pontevedra abandone o último lugar nas estatísticas de desemprego. Segue habendo un gasto social ridículo, e por iso lles deron o “premio” Corazón de Pedra. E o señor Lores seguiu poñendo a súa sinatura na privatización dos servizos básicos, algo que ocorre co ciclo da auga, coa recollida de lixo, co mantemento de xardíns, co guindastre, coa axuda no fogar, coa recadación executiva... E mentres, os pontevedreses seguen á espera de transporte público, o urbanismo carece dun plan que ordene o crecemento e xere condicións propicias para relanzar a economía, e, ademais, non se estabeleceu un marco de verdadeira participación da cidadanía.

E o traballo realizado polo seu partido?

Desde a oposición, traballamos por sérmoslles útiles aos pontevedreses, levando ao pleno respostas a necesidades urxentes, unhas veces con máis éxito, porque se abriron paso, e outras introducindo na axenda temas que o “lorismo” desbotou e nós recuperaremos desde un goberno noso. Falo da Renda social, pendente de chegar ás persoas en risco, un compromiso que nós arrancamos do Bloque, ou das bonificacións do IBI para familias numerosas, algo ao que sempre se opuxeron. Tamén se opuxeron, pretextando que a xestión privada é máis eficaz e barata, ao rescate para a xestión directa de externalizacións que remataron o seu contrato neste mandato, como a auga, o lixo ou o guindastre...

Cal é a principal necesidade do seu concello?

Decidir que quere ser, algo que nós propoñemos facer canda as outras forzas políticas, os sindicatos, a empresa e a universidade, e a partir de aí será máis doado dotármonos dos instrumentos necesarios para remar xuntos e chegar a bo porto.

En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará no novo mandato se está no goberno?

Facerlles chegar aos seus beneficiarios as primeiras rendas sociais municipais, adherir o concello ao Transporte Metropolitano de Galicia e pagarlles aos clubs deportivos as subvencións que se lles deben, correspondentes aos anos 2017, 2018 e 2019.