‘Fariña’, Cifuentes e Quinteiro pairan sobre a sesión de control a Núñez Feijóo

‘Fariña’, Cifuentes e Quinteiro pairan sobre a sesión de control a Núñez Feijóo
Feijóo, na imaxe con Pedro Puy
Feijóo, na imaxe con Pedro Puy  

As intervencións de portavoces parlamentares e do presidente non foron alleas aos temas mediaticamente máis presentes estes días. Desde a famosa serie sobre o narcotráfico galego até as fotos con Marcial Dorado pasando polo máster da presidente madrileña ou o conflito en En Marea a raíz do ‘Caso Quinteiro’.


Ás veces as sesións parlamentares transcorren, e é lóxico, en torno a conceptos e cuestións técnicas, dados, estatísticas, proxectos, orzamentos cos que se constrúen os argumentos en torno aos cales se desenvolven as intervencións. Non sempre son doados de seguir para quen non teña un coñecemento do tema en concreto do que se fala. Mais a sesión de control ao presidente desta cuarta feira non foi desas. A serie Fariña, o mestrado de Cristina Cifuentes e as desavinzas de En Marea estiveron nas intervencións, réplicas e contraréplicas parlamentares. Cuestións todas elas que están de actualidade e a pé de rúa.

“A súa palabra ten menos credibilidade que o máster de Cifuentes”, díxolle a portavoz do BNG, Ana Pontón, a Feijóo para recriminarlle a súa falla de defensa de Galiza perante o “recortazo” do Estado nos orzamentos para Galiza do ano pasado e o presente. Lamentou a nacionalista que o presidente galego estea máis pendente da sucesión de Rajoy que de facer valer os intereses do país e afirmou que a solución ao máster de Cifuentes” non pode pasar polas “fotos cun narco”, en referencia ás de Feijóo con Marcial Dorado. Pontón propuxo a Feijóo un acordo para que o Estado se comprometa a realizar os investimentos prometidos e que non executou, mais o presidente non se deu por aludido.

Non foi a de Marcial Dorado a única referencia ao narcotráfico na sesión desta cuarta feira. Luís Villares (En Marea) trouxo á tona a xuntanza de Fernández Albor en Portugal con contrabandistas e narcos galegos cando este era presidente da Xunta. Unha reunión que se recrea no capítulo 5 de ‘Fariña’ –emitido a pasada semana-, a serie que está a atinxir en Galiza niveis de audiencia históricos. Unha intervención de Villares que anoxou Feijóo, que o acusou de “mancillar a biografía dun presidente da Xunta” e afirmou dirixíndose ao portavoz de En Marea que aínda que viva dúas vidas non chegaría á altura da dignidade de Albor. Lembroulle que o propio Albor dera explicacións na Cámara galega no seu momento por aquel cónclave sen ser, afirmou, albo das críticas da oposición. 

A pregunta de Villares centrábase en a quen beneficiaba gastar 1.200 millóns de euros en construír a Autovía A57, que supón “duplicar a AP9” en vez de resgatar a Autoestrada. Sostén Villares que entre viaxar nunha vía debalde e outra de pagamento a xente optará pola primeira, co que a AP9 podería quebrar e ter que ser resgatada. O mandatario fixo unha leve referencia ao ‘Caso Quinteiro’ mais optou por ‘non facer sangue’. “No seu grupo [dixo dirixíndose a Villares] ninguén defende ninguén. Non me utilice a min para resolver os seus problemas”.

Fernández Leiceaga (PSdeG), de por parte, centrou a súa intervención en pedir un cambio das políticas do goberno en sanidade, alertando de situacións como a elevada eventualidade do persoal do Sergas (30%), dos convenios coa privada como algo estrutural do sistema ou da falla de planificación. Na súa quenda de resposta, Núñez Feijóo asegurou que actualmente a situación da sanidade galega é mellor que cando el chegou á Xunta.



x