PERGUNTADO SOBRE AS OPCIÓNS DE BEIRAS

Feijóo: “O único que sabe quen será o candidato de En Marea é Pablo Iglesias”

Feijóo: “O único que sabe quen será o candidato de En Marea é Pablo Iglesias”
Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Foto: Irene Pin
Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Foto: Irene Pin  

Feijóo compareceu esta mañá para dar conta do tratado no Consello da Xunta, onde se aprobou o Plan de incendios desta campaña, a ampliación do Hospital de Montecelo e a creación dun historial sociosanitario para os galegos. Aliás, avaliou o 26X e as súas consecuencias sobre as vindeiras eleccións galegas. Feijóo dixo que terán lugar no outono próximo como estaba previsto, mais sen aportar unha data concreta. VÍDEO NO INTERIOR


Con ocasión do Consello da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo atendeu os medios por primeira vez, após das eleccións xerais do pasado domingo e valorou os resultados do seu partido, aludindo a que son eles quen deben gobernar e delegou a responsabilidade dos acordos na “sensatez de Ciudadanos” e nas posibilidades de “volver facer un pacto democrático co PNV.”

“Beiras xa se presentaba a eleccións cando eu estaba na Facultade de Dereito.”

Canto ás eleccións galegas, Feijóo confirmou que se realizarán este outono: “As eleccións galegas van a ser, como estaba previsto, o dia que tocan”. O día en cuestión poderá ir dende o domingo 25 de setembro até o 18 de decembro, xa que Feijóo afirmou non poder precisar unha data exacta con tanta antelación. Ao ser perguntado por Sermos Galiza sobre se prevía ter que enfrontarse a Xose Manuel Beiras nos vindeiros comicios, Núñez Fijóo respondeu que “o único que sabe quen será o candidato das mareas é Pablo Iglesias”, ao tempo que tirou de ironía para lembrar que: “Beiras xa se presentaba a eleccións cando eu estaba na Facultade de Dereito.”

“É a data idónea segundo as condicións climatolóxicas desta primavera, xa que estamos nun período tranquilo”

Por outra banda, na súa comparecencia, Feijóo deu a coñecer os acordos acadados no Consello da Xunta, onde se aprobou o Plan de Incendios cara ao recén comezado verán. A Empresa pública de Servizos Agrarios Galegos, SEAGA, será a encargada de xestionar as brigadas anti-incendios, que comezarán a traballar, en dous grupos, o día 13 e o día 15 de xullo, respectivamente. Con isto pónselle data dende a Xunta ao inicio do traballo das 125 brigadas que traballarán en Galiza fronte aos lumes durante tres meses. Este inicio demorase case un mes con respecto ao comezo do verán, ante o que o Presidente da Xunta alegou: “É a data idónea segundo as condicións climatolóxicas desta primavera, xa que estamos nun período tranquilo”.

O despregamento de brigadas contra os lumes constará de 125 equipos de 4 persoas que traballarán até mediados de outubro, xunto á maquinaria específica que se manterá operativa até o 31 do mesmo mes. Por parte do goberno central sumaranse 7000 efectivos máis xunto con 40 brigadas militares do Ministerio de Defensa. Feijóo incidiu en que para el é moi importante facer fronte a quen provoca os incendios, de aí que se lle outorgue á Policía Autonómica a potestade de vixiar os montes dotándoa de 260 axentes con 40 todo terenos, 8 motos de monte e 5 coches camuflados, para previr e investigar os delitos forestais, sendo que, segundo Feijóo, “os lumes son a maior doenza social que sofre Galiza, polo tanto o noso labor é combatelos frontalmente.”

Por outra banda, a Xunta anunciou a dixitalizacion dos servizos sociais publicos, poñendo en marcha un programa que pretende recoller a historia social e sanitaria de cada individuo galego, á que poderá accederse mediante a tarxeta sanitaria. A proposta comezará a implantarse despois do verán e arrancará cunha fase de pilotaxe nos concellos de Boqueixon, Brion, Tordoia e Viveiro.

Outro dos puntos do día foi o acordo co Concello de Pontevedra para a ampliacion do hospital publico de Montecelo. A Xunta chegou a un consenso co estamento da cidade do Lérez para levar a cabo o proxecto, derivando as responsabilidades do abastecemento de auga, electricidade e gas, ben como a recollida de lixos e a construción de accesos e aparcamento, ao Concello pontevedrés. Do mesmo xeito, a Xunta encargarase da expropiación de 45,000 metros cadrados de solo para a construción da ampliación, dotando dunha cantidade de 4 millóns de euros para indemnizacións.