Novo episodio do caso Feijóo-Dorado: o presidente da Xunta di agora que non destruiu os contratos co narcotraficante

Novo episodio do caso Feijóo-Dorado: o presidente da Xunta di agora que non destruiu os contratos co narcotraficante
Alberte Núñez Feijóo
Alberte Núñez Feijóo  SG

Novo cambio de guión no caso Feijóo-Dorado. O presidente da Xunta afirma agora o contrario do que dixo hai 15 días. Faino no mesmo escenario, no Parlamento. Agora vén dicer que non destruiu os contratos con Dorado anteriores a 2003. A oposición acurralou Feijóo ao mostrar que, de o telo feito, tería incorrido nunha ilegalidade.


A lexislación vixente, sustentaron os porta-voces da oposición, impide a destrución dos documentos que certifican as relacións contratuais da Xunta co entramado societario do narcotraficante Dorado. No Pleno anterior, Feijóo afirmara que non se conservaba ningún documento anterior a 2003 por teren sido destruídos. Hoxe, en troca, desmentiuse a si mesmo e afirmou tallante que non se destruíra nen un só contrato.

Porén, Feijóo argumentou que a lexislación prevé que unha comisión selecciona que documentos teñen relevancia e deben ser conservados e cales outros, non, e en consecuencia deben ser destruídos.

Jorquera exixiu a demisión de Núñez Feijóo porque "Galiza non merece" un presidente "perseguido pola sombra da dúbida"

O presidente da Xunta de Galiza capeou as preguntas dos grupos da oposición, entrando en contradición coas declaracións feitas durante a sesión de control ao Goberno de hai 15 días. Embora a lexislación vixente impida a destrución daqueles expedientes de contratación catalogados como permanentes, Núñez Feijóo asegurara naquela altura que os documentos anteriores a 2003 foran destruídos --motivo polo cal non podían ser achegados á Cámara como demandaban as demais forzas políticas. 

A oposición exixe a Feijóo que demita

"Ou minte ou está admitindo unha ilegalidade", espetou o portavoz do BNG Francisco Jorquera quen exixiu ao líder do executivo galego a súa demisión "polo ben de Galiza" pois "este país", dixo, "non merece un presidente perseguido pola sombra da dúbida" decorrente da súa amizade cun narcotraficante. "Vostede non merece continuar", sentenciou o líder nacionalista apelando ás declaracións do propio Feijóo en 2009 cando asegurou "que un presidente que non di a verdade non merece outra oportunidade". 

Yolanda Díaz asegurou que os contratos con Dorado están gardados "nunha nave do Tambre"

Malia a insistencia dos grupos da oposición, Núñez Feijóo afirmou que non demitiría e emprazou ás forzas da oposición a "seguir con este asunto" porque ten, dixo, "controladas as respostas". Certamente, o líder [email protected] populares mantén a súa estratexia de ataque fronte as preguntas de BNG, AGE e PSdeG os que acusou mesmo de "desprestixiar" a Cámara e actuaren como "bloque". 

"Demos máis información da que pedían", insistiu o presidente da Xunta perante as acusacións da oposición que denunciou a "falta de transparencia" do goberno galego perante o escándalo da relación entre Núñez Feijóo e Marcial Dorado. "Volvo recomendarlle unha leitura" apuntou a vice-voceira de AGE, Yolanda Díaz, quen emprazou ao presidente do executivo a ler A arte da mentira política, de cuxo contido --afirmou-- Núñez Feijóo é "un bo reflexo".

Feijóo: "A este paso vostés irán ás eleccións en coligación con Marcial Dorado"

A portavoz de AGE asegurou que lle consta que os contratos anteriores ao 2003 existen e se manteñen arquivados na Cidade da Cultura e nunha nave do polígono do Tambre, cuestión que o presidente da Xunta negou por ser "unha solemne mentira".

Feijóo, fiel a súa liña de defenderse atacando, chegou a dicer que a oposición a este paso remataría por ir ás eleccións en coligación con Marcial Dorado.