"QUERÍA QUE O SEÑOR BALTAR DELINQUISE E O SEÑOR BALTAR NON DELINQUIU"

Feijóo acusa a muller que denunciou a Baltar de o ter instigado a que delinquise

Feijóo acusa a muller que denunciou a Baltar de o ter instigado a que delinquise
Alberto Núñez Feijóo [Imaxe: Xunta]
Alberto Núñez Feijóo [Imaxe: Xunta]  Xunta

O presidente da Xunta respalda o presidente da Deputación de Ourense e asegura que "non" escoitou as gravacións publicadas por eldiario.es.


"Quería que o señor Baltar delinquise e o señor Baltar non delinquiu". Así se pronunciou Feijóo, ao remate do Consello da Xunta, a respeito da muller que denunciou o presidente da Deputación por lle ter ofrecido un posto de traballo a cambio de manteren relacións sexuais. 

O xefe do executivo galego converte a vítima en verdugo e sinala que a muller "pretendía" que José Manuel Baltar cometese un delito após a denunciante asegurar que o presidente da Deputación provincial se "aproveitou" da súa situación económica para trocar sexo por un emprego na institución. "O que se pretendía por parte da denunciante non aconteceu", espetou. 

Feijóo:  "O que se pretendía por parte da denunciante non aconteceu"

Porén, Alberto Núñez Feijóo nega ter escoitado as gravacións publicadas por eldiario.es e nas que, entre outras cuestións, Baltar recoñecería ter capacidade para mudar notas en procesos selectivos. "O transcrito" pola imprensa, que recoñece si leu, asegura que "non di iso". 

O presidente do goberno galego instou a respectar a "presunción de inocencia" de José Manuel Baltar e a "ver como evoluciona esa denuncia e cal é a decisión da Fiscalía" para se formar unha "opinión" do acontecido.