Feijóo deixa de falar dos floteis e propón agora que Pemex entre no accionariado de esteleiros galegos

Feijóo deixa de falar dos floteis e propón agora que Pemex entre no accionariado de esteleiros galegos
Feijóo méxico
Feijóo méxico  

O presidente da Xunta reuniuse co presidente mexicano e dirixentes da paraestatal petroleira. Afirma que a empresa está interesada en entrar no naval galego. Un anuncio que fai cando se cumpre un ano do anterior sobre a construción de buques para esa empresa en estaleiros galegos. Barcos polos que aínda se espera


Cada visita de Feijóo a México é unha promesa de maná. Na que está a a realizar estes días xa amarrou compromisos e promesas de diversos sectores para investir en Galiza, desde automoción ao lácteo, segundo afirman desde San Caetano. Un dos anuncios máis destacados é o anuncio destas últimas horas. Após unha xuntanza co presidente do país azteca e dirixentes de Pemex, Feijóo afirmou que esa empresa quer entrar no accionariado dos estaleiros galegos.

Unha afirmación que chega un ano despois daquela promesa da anterior viaxe de Feijóo a México (daquela, no séquito de Rajoy) de que Pemex ía construír 14 remolcadores na Galiza. Cifra que tivo que rebaixar a dous floteis. Floteis dos que actualmente, e para alén de palabras, non se sabe nada

O presidente da Xunta expresou a satisfacción de que Pemex “siga contando con Galiza”, con novas operacións que se unen á xa firmada por PMI co estaleiro público Navantia e co estaleiro privado Barreras para a construción de dous floteis E non concretou máis sobre ese novo maná.