Feixóo pide a Milagros Otero que dea explicacións ao tempo que enfatiza que a sentenza non é firme

Feixóo pide a Milagros Otero que dea explicacións ao tempo que enfatiza que a sentenza non é firme
Milagros Otero
Milagros Otero  

A Valedora do Pobo acata a resolución da TSXG, mais teima en que non houbo trato de favor no nomeamento da irmá do portavoz do grupo parlamentar do PP, Pedro Puy. En declaracións á imprensa, o presidente da Xunta dixo que a valedora ten que dar explicacións no Pazo do Hórreo.


A valedora non comparte o sentido da resolución do TSXG —que anula o nomeamento da xefa de servizo de persoal da institución que ela preside—, mais tampouco precisou se a vai recorrer.

Todas as forzas da oposición piden a renuncia da valedora, mentres Feixóo, interpelado ao respeito pola imprensa no curso dun acto partidario, co candidato ás primarias do PP García Hernández, defendeu o criterio de que Otero debe ir ao Parlamento a dar explicacións sobre o asunto.

En todo caso, si enfatizou que a sentenza do TSXG "non é aínda firme". "A Valedora do Pobo pode recorrela ou non recorrela", dixo.

O líder do PPdeG marcou distancias coa valedora e, nese sentido, lembrou que foi nomeada polo Parlamento e non polo goberno galego. "Debería dar explicacións no Parlamento galego porque foi o Parlamento quen a elixiu", dixo.



x