SESIÓN DE CONTROL

Feijóo ao BNG: “Entre asasinos e maltratadores, e vítimas, de que lado están?”

Feijóo ao BNG: “Entre asasinos e maltratadores, e vítimas, de que lado están?”

O presidente da Xunta defendeu o compromiso do seu goberno na loita contra a violencia machista e acusou os nacionalistas de querer ter “o monopolio” da defensa das mulleres. Unha sesión na que Feijóo usou o comodín de Catalunya para non responder á pregunta de En Marea sobre por que os fogares seguen sen notar a recuperación; e na que defendeu fronte ao PSdeG, a aposta da Xunta polo rural.


“Hai dous bandos: asasinos e maltratadores e vítimas, dígame de que lado están”. Con esta frase se dirixiu na sesión de control o presidente da Xunta á portavoz do BNG, Ana Pontón, que instaba o goberno galego a un maior compromiso contra a violencia machista. Os nacionalistas pedían que o executivo destinase 1% dos Orzamentos a esta loita, así como que se crease na Dirección Xeral de Xustiza unha unidade encarga de aplicar a Lei Galega contra a Violencia de Xénero.

Feijóo respondeu lembrando que o Parlamento definira a violencia machista como terrorismo e que iso implicaba que había que manter a “unidade” e non caer en “pelexas partidistas”. Iso si, atacou o BNG por, dixo, querer ter “o monopolio da defensa das mulleres de Galiza”, o que é un “insulto” para os 700.000 votantes do PP, “a maioría, mulleres”. “Eu represento á maioría das mulleres de Galiza nas urnas”, aseverou.

Mais a intervención máis dura foi cando, dirixíndose ao BNG, e situando a violencia machista como terriorsmo, preguntoulle de que bando se situaban, maltratadotres ou vítimas. A portavoz do BNG, finalizada a sesión, anunciou a presentación dunha queixa formal.

A baza de Catalunya

Non foi esta a única polémica que creou Núñez Feijóo nesta sesión de control. Especialista en, cando non lle interesa, zafarse das preguntas formuladas pola oposición respondendo sen ir ao caso, Feijóo utilizou o comodín de Catalunya fronte En Marea. O seu portavoz, Luis Villares, inquería o presidente polo feito de que se os datos sinalaban que en Galiza xa se creaba a mesma riqueza que antes da crise, a maioría da sociedade vivía peor que daquela. "Páganse agora 2.000 millóns de euros menos en salarios que antes da crise”, denunciaba Villares, incidindo en que somos “a comunidade con peor evolución de emprego”.

Na quenda de resposta, Feijóo empezou forte, afirmando que na actualidade “hai máis educación, máis sanidade, máis xustiza” que en “época de bonanza”. Un órdago de resposta que el mesmo superou ao acusar a Villares de ter como “modelo económico” a Catalunya independentista, “de onde marcharon 3.500 empresas”. Apostou en meter cizaña acusando os diferentes partes de En Marea de “ter modelos territoriais” contrarios.

Rural

Fernández Leiceaga (PSdeG) reprochou á Xunta o fracaso das súas políticas para o rural, enumerando unha serie de datos que sinalaban as dificultades dos diferentes sectores, como agrario, gandeiro ou forestal, ao tempo que instaba o goberno galego a “rectificar”. Feijóo respondeu con outra restra de datos en sentido contrario e mesmo dixo que estabamos a vivir “a maior incorporación de mozos ao sector agrario e forestal”.