Feijóo apela ao voto do medo fronte a posíbeis alianzas de “forzas minoritarias”

Feijóo apela ao voto do medo fronte a posíbeis alianzas de “forzas minoritarias”

O presidente do PP de Galicia acusa ao resto de formacións de “non ter respostas” e de facer “candidato á Presidencia a calquera con tal de non cumprir a vontade maioritaria”.



O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, apelou unha vez máis ao voto do medo fronte a posibles alianzas políticas despois do 20D. Feijóo presentou ao Partido Popular como unha “candidatura de certezas” fronte ás outra nove formacións que concorren aos comicios, ás que cualificou de “dúbidas e preguntas sen resolver” durante un acto no concello lucense de Vilalba.

O tamén presidente da Xunta dixo que o resto de partidos “farían candidato á Presidencia a calquera con tal de non cumprir a vontade maioritaria” e insistiu no argumento dos populares de que debe gobernar a forza máis votada, segundo comunicado de prensa do PP.

"Os bipartitos e tripartitos son un xogo de estratexia entre políticos", dixo Feijóo.

Feijóo criticou un hipotético bipartito ou tripartito porque “son un xogo de estratexia entre políticos onde a derrotada é sempre a cidadanía”. Nesa liña, apuntou que “as forzas minoritarias deciden o futuro de todos a través do desgoberno e a inacción”. Puxo como exemplo a Deputación de Lugo e aproveitou para cargar contra PSOE e BNG, que asegurou “levan meses pelexando entre eles”. 

“Os socialistas deixaron de pensar nos problemas da veciñanza para pensar só nos seus propios problemas”, afirmou o presidente do PPdeG, mentres que á fronte nacionalista acusouna de “estar disposta a calquera cousa con tal de rabuñar un pouco de poder”.