A OPOSICIÓN VE UN GOBERNO ESGOTADO E SEN IMPULSO

Feijóo afronta a recta final do seu mandato co debate do estado da nación

Feijóo afronta a recta final do seu mandato co debate do estado da nación
[Imaxe Xunta]
[Imaxe Xunta]  

O presidente da Xunta presenta a sesión como un punto de inflexión na súa xestión de goberno mentres a oposición tentará afearlle o discurso. Esta cuarta feira apartir das 10 h.


Esta cuarta feira (14 de outubro) comeza o debate sobre o estado da nación, unha tripla xornada, quizais a máis importante de toda a lexislatura, que marcará a pistolada de saída cara á última etapa do goberno de Feijóo. A 'derradeira' en verbas do voceiro parlamentar do Bloque, Francisco Jorquera. As decisións adoptadas polo propio presidente da Xunta nos últimos días, marcadas pola destitución de Rocío Mosquera á fronte de Sanidade e unha profunda remuda no executivo, reflicten que até o Partido Popular concibe esta sesión plenaria como un punto de inflexión. 

As forzas da oposición planean o debate como unha “moción de censura” e confrontarán o discurso oficial de “recuperación” coas críticas á xestión de goberno e a denuncia das consecuencias sociais que carrexou para Galiza. 

Entrementres, Alberto Núñez Feijóo aproveitará o debate sobre o estado da nación para anunciar novas medidas como "a maior rebaixa de impostos feita nunca nuns orzamentos autonómicos de Galiza", sinalan desde o PP. Anuncios que combinará cunha "reflexión" sobre o debate territorial. Aliás, Feijóo defenderá os cambios introducidos no executivo amparándose no discurso dunha nova etapa económica que viría determinada por un período de “expansión”. 

A oposición tentará afearlle o discurso da "recuperación" a Feijóo quen inzará de anuncios a súa intervención

Desde o PSdeG aseguran que a intervención do presidente será un "espectáculo de anuncios" dun mandatario "desacreditado" e "amortizado". Pola súa banda, AGE tentará facer “unha leitura do acontecido” neste tempo, segundo Yolanda Díaz. “Feijóo tomou a lección de que vai perder as eleccións e tenta distraer”, asegurou a vice-voceira após a Xunta de portavoces decorrida a pasada semana. 

Así mesmo, desde o BNG Francisco Jorquera, avanzou que a súa intervención será formulada como unha “moción de censura”  na que combinar as críticas ao goberno con “propostas”, “compromisos concretos e verificábeis”. 

A organización frontista levará ao pleno as demandas recompiladas no Parlamento popular organizado semanas atrás e no que movementos sociais e representantes de sectores ben  (mar, agro, preferentistas, feministas...) trasladaron ao BNG as cuestións que coidaron de interese para elevar ao pleno. 

Tamén AGE apuntou as liñas que centrarán a súa intervención dirixida a denunciar a “corrupción” como “sinal de identidade”; o “saqueo” padecido polas administracións públicas, o “despedimento de traballadores”, a “desindustrialización masiva” do país e o “ataque” contra o persoal público e “as mulleres”, explicou Díaz. 

O 15 de outubro presentaranse as propostas de resolución, non máis de 200

Estrutura da sesión

A estrutura das sesións, que serán maratonianas, comezarán esta cuarta feira por volta das 10.00h cunha intervención sen tempo limitado para Feijóo. Previsibelmente ocupará toda a mañá e cederá a quenda de palabra ás forzas da oposición durante a tarde. Trinta e cinco minutos por grupo e 10 minutos de réplica para o presidente. Feijóo poderá acumular as respostas nunha intervención global face o conxunto da oposición ou, como reclamou o BNG, poderá dirixirse por separado a cada unha das forzas políticas representadas no Parlamento. 

Durante o 15 de outubro presentaranse as propostas de resolución, non máis de 200 cuxas transaccións deberán ser acordadas antes das 22.30h dese mesmo dia. Así, o 16 serán debatidas no pleno e votadas.