Feijóo basea a sesión de control no Parlamento nun ataque ao cartaz do BNG para o 8M

Feijóo basea a sesión de control no Parlamento nun ataque ao cartaz do BNG para o 8M

“En nome da maioría das mulleres galegas digo que ese cartaz ten que rectificarse”, dixo Feijóo, que acusou Ana Pontón e o BNG de “instrumentalizar o corpo da muller”. Para a nacionalista, os "argumentos delirantes" do presidente só pretenden ocultar a incompetencia do seu goberno en canto a igualdade. Feijóo, aliás, ignorou as preguntas feitas por Luis Villares.


Ás portas da greve xeral de mulleres do 8M a sesión de control ao presidente centrouse na situación da muller no noso país e nas políticas da Xunta ao respecto. Houbo desde a oposición fervenzas de datos e estatísticas para evidenciar que a desigualdade de xénero persiste e tamén propostas sobre a mesa, como unha Lei Galega pola Igualdade salarial ou a creación dunha Valedoría de Igualdade. Desde BNG, PSdeG e En Marea coincidiron en querer situar o presidente nun punto onde tivese que dar conta do feito nestes anos pola igualdade ao tempo que se posicionar respecto ás demandas do 8M.

 

Feijóo, perante esa tesitura, xogou a enlamar o campo. O ataque ao cartaz do BNG polo 8M ("O máis grande de Galiza está até a cona de..." ) e ignorar as cuestións formuladas por Luis Villares foron a súa tinta de lura para evitar responder ao preguntado. A primeira en probar este medicina feijoniana – nada estraño por parte do presidente nas sesión de control, por outra parte- foi Ana Pontón. A nacionalista pediulle que explicase o que fixo estes anos  PP pola igualdade e realizou unha serie de propostas para avanzar neste eido, como que a administración pública non contratase con empresas condenadas por discriminación á muller.

 

A resposta de Núñez Feijóo foi recorrer ao cartaz do BNG polo 8M. “Lamento como home a instrumentalización do corpo de muller”, dixo o presidente, engadindo un dardo: “Penso nisto igual que García Negro”, en referencia ao artigo da ensaísta e ex parlamentar do BNG.  E aínda, nunha réplica posterior a outro grupo, volve referirse ao cartaz. “En nome da maioría das mulleres galegas digo que o cartaz do BNG é impropio e ten que ten [o Bloque] que rectificar”.

 

A estratexia para con Luis Villares foi a de ignoralo na súa resposta (ao preguntar PSdeG e En marea por igualdade o presidente da Cámara agregou as peguntas polo que Feijóo podía responder aos dous conxuntamente) e despois atacalo. O portavoz de En Marea criticouno duramente o presidente pola escasa execución dos orzamentos para políticas de igualdade da Xunta. Tamén atacou o presidente porque na entrevista con Jordi Évole “a única referencia feita ao seu pobo fose  “dicir que todos os galegos somos contrabandistas”. Feijóo na primeira quenda optou por non responder a Villares mais si o fixo na segunda, ao final do debate. Aí botou man dunhas antigas declaracións de Pablo Iglesias sobre, por exemplo, o xeito de vestir dunha xornalista para negar a En Marea autoridade para acusar o PP de machista. E mesmo tirou de certa ironía para sinalar que os de En Marea estaban "rabiosos" porque en La Sexta o entrevistasen a el. "Esa cadea é so para vostedes?"

 

Con Fernández Leiceaga o ton e actitude de Núñez Feijóo variou. Convidouno ao debate e a chegar a acordos para avanzar en políticas de Igualdade. O portavoz do PSdeG instouno a "non mirar para outro lado" pois após 8 anos de goberno ficar moito por avanzar en igualdade. 



x