ANÁLISE

Feijóo faille as beiras á sucesión de Rajoy con chiscadelas a Ciudadanos

Feijóo faille as beiras á sucesión de Rajoy con chiscadelas a Ciudadanos
Cimeira Rajoy-Feijóo
Cimeira Rajoy-Feijóo  Foto: A Moncloa

Volta un clásico. A hipótese de Feijóo como recambio de Rajoy. De acordo co guión de rigor, o presidente do PPdeG desmárcase da carreira sucesoria. Abre, iso si, a billa do seu relevo en Monte Pío.


O 21-D foi un sismo en Génova -o PP, sétima e última forza no Parlament, con menos de 5 por cento do voto-, mais abriu unha xanela de oportunidade no sector do partido que ve Alberto Núñez Feijóo como o dirixente máis cualificado para lle dar o relevo a Mariano Rajoy.

Rajoy está a viver o pior momento, con moito, desde que aterrou na Moncloa en 2011. Embora ser un supervivente nato, a combinación do desastre eleitoral de Catalunya e o vía crucis xudicial en marcha -esta semana con Pablo Crespo, a conexión galega, a ameazar con tirar da manta no xuízo da Gürtel- pon o líder do PP nunha situación de moi difícil manexo. E non é iso o pior, o pior é escorregamento de sectores chave do poder mediático -non só PRISA, mais tamén o conservador ABC- cara ás latitudes de Ciudadanos, a marca emerxente no taboleiro estatal. Pior que os 4 escanos do 21-D no Parlament foi sen dúbida a concatenación de inquéritos nos meios hexemónicos do Estado -primeiro El País, despois o diario monárquico dirixido polo galego Bieito Rubido- que, enquisas mediante, profetizaban un sorpasso histórico, o ascenso de Cs ao máis alto do podio demoscópico.

Soaron, portanto, todas as alarmas na Moncloa, quer no despacho do presidente quer no da vicepresidenta, Soraya Sáenz de Santamaría, unha encarnizada rival de Feijóo no combate pola sucesión. Para o presidente do PPdeG, o 21-D non foi unha mala operación, pois non só o seu nome voltaba a aparecer en toda a imprensa como hipotético cartaz do seu partido nunhas eleccións estatais -o seu soño político nunca confesado-, senón que súa principal contrincante -a chefa dos sorayos, apelativo co que se coñece a xente partidaria da número 2 do Goberno- ficaba seriamente debilitada. Catalunya foi a súa batalla -Soraya é a autora da frase que atribúe a Rajoy a paternidade do encarceramento dos líderes soberanistas cataláns- e, vistos os resultados, puido ser o seu Waterloo.

Mais realmente ten opcións Feijóo? É difícil sabelo nun partido de funcionamento tan verticalizado e hierárquico como o PP

Mais realmente ten opcións Feijóo? É difícil sabelo nun partido de funcionamento tan verticalizado e hierárquico como o PP. En condicións normais as súas posibilidades estarían perto do cero: Feijóo ten un armario cheo de amizades perigosas (Marcial Dorado, Pachi Lucas) e un álbum de fotos moi comprometedoras, afirman os seus detractores internos. "Non me queren en Madrid", ten dito o presidente da Xunta en círculos de confianza. A súa relación persoal con Rajoy non é boa, entre outras cousas porque o inquilino da Moncloa non perdoa Feijóo por se ter deixado querer por sectores do poder económico e mediático que no seu día acariñaron a idea de condicionar o acordo de Ciudadanos co PP no Congreso a que o partido hexemónico da direita entregase a cabeza do seu líder en bandexa de prata. Feijóo, segundo a contorna de Rajoy, non tería desautorizado con clareza eses movimentos. Non o acusan tanto de intrigar como de non marcar distancias coa conspiración. 

Mais as actuais non son condicións normais. Por vez primeira o PP ve seriamente en perigo a súa hexemonía como primeira marca da direita española. Ciudadanos é unha ameaza real. Após o 21D, Rivera tocou a rebato e pasou á ofensiva ao demandar a cabeza da senadora Pilar Barreiro -salferida pola trama Púnica- como conditio sine qua non para selar un novo acordo orzamental. A presión sobre Rajoy é enorme. Se cede, ficará en evidencia que neste momento é un prisioneiro de Ciudadanos. Se non o fai, o partido laranxa continuará a rendabilizar a asociación PP igual a Corrupción. Nos dous cenarios gaña Rivera e perde Rajoy.

Nese contexto, os ollos de non poucos cadros do PP -convencidos de que neste momento Rajoy é un lastro eleitoral- vóltanse para Feijóo. Non polo seu récord de vitorias nas urnas -única maioría absoluta no Estado-, senón polo seu perfil de político máis próximo no aparencial a Ciudadanos que ao propio PP. Boa parte dos dirixentes do PP ven Feijóo como o máis parecido que ten o partido a Albert Rivera. E Feijóo non deixa pasar nengunha oportunidade para remarcar esa conexión. Esta mesma quinta feira, na conferencia de imprensa posterior ao Consello da Xunta, voltou a gabar a campaña da formación laranxa en Catalunya e a instar o seu partido a tomar nota [iso non significa que non poda lanzar críticas a Cs, como fixo este sábado, mais non é tanto ao seu perfil ideolóxico, senón á súa prescindibilidade na Galiza: para o que propón Ciudadanos aquí xa estaría o PPdeG, vén afirmar o político de Os Peares].

Boa parte dos dirixentes do PP ven Feijóo como o máis parecido que ten o partido a Albert Rivera


E alén das chiscadelas a Cs, que fai Feijóo? Pois ir polo rego do politicamente correcto. Fartarse de dicer que ten un contrato con Galiza até 2020. Negar que teña a menor vocación de facer política en Madrid. O normal. Ninguén se postula abertamente nun partido como o PP. Sería un acto contracultural dentro da tradición da direita española, fortemente marcada polo caudillismo. Mais Feijóo si que deu un paso máis esta semana: sinalou cunha clareza sen precedentes a súa retirada na Galiza con vistas a 2020, ao afirmar que o seu proceso de sucesión será máis doado do que foi o de Fraga. É certo que no pasado xa fixera unha profesión de fe abandonista da que finalmente abxuraría, para voltar a ser candidato en 2012. Mais a declaración desta semana tivo unha solemnidade da que careceron declaracións anteriores. E prodúcese, alén do máis, nun contexto de crise no seu partido no estado que tampouco ten precedentes. É, portanto, un anuncio de abandono da política galega moito máis críbel.

Feijóo volta a estar na carreira. Sabe que as súas opcións dependen basicamente da evolución de variábeis que el dificilmente pode controlar. A variábel do que vaia facer o poder xudicial coas causas de corrupción do seu partido. A variábel da maior ou menor aposta de sectores significativos do establishment por Ciudadanos. E, sobre todo, a variábel da resistencia de Rajoy, un político que se por se algo se caracteriza é precisamente por ser insumerxíbel e por ter roto en numerosas ocasións o prognóstico da súa segura derrota.

En realidade, se hai algo que ninguén dubida no PP -non o dubidan nen nos sectores pro-Feijóo nen nos círculos pro-Soraya- é que o único sucesor no que continúa a pensar Rajoy é o propio Rajoy.  O home que foi entronizado como líder polo dedo de Aznar -o actual padriño de Albert Rivera- só cederá se se ve absolutamente isolado e sen apoios. E ese aínda non é o caso.