Feijóo culpa á situación política en Catalunya da falta de transferencias como a AP-9

Feijóo culpa á situación política en Catalunya da falta de transferencias como a AP-9
Feijóo durante unha entrevista na Radio Galega (Foto: CRTVG)
Feijóo durante unha entrevista na Radio Galega (Foto: CRTVG)  

Sortea as críticas argumentando que estamos “no peor momento” porque as relacións entre comunidades autónomas e Goberno central están “intoxicadas pola deriva independentista”.


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, culpou este domingo á situación política en Catalunya da falta de transferencias, entre elas a AP-9, que volveu o centro da polémica cunha nova suba das peaxes. Feijóo mostrouse confiado en que a titularidade da autoestrada será traspasada nalgún momento, malia que o pasado setembro foi vetada polo goberno español a proposición aprobada polo Parlamento galego. 

Na mesma liña, di que a reforma do modelo de financiamento “non se pode facer mentres non se aclara a gobernabilidade en Catalunya nin até que o PSOE estea de acordo co PP”.

“Toda a relación das comunidades autónomas co Goberno central quedaron intoxicadas pola deriva independentista”, declarou nunha entrevista na Radio Galega. Así, asegurou que nos encontramos “no peor momento para pedir transferencias que non están recollidas no Estatuto porque son transferencias que precisan dun acordo bilateral". 

Feijóo escusou na mesma liña a falta de avances para un novo modelo de financiamento autonómico, porque cre que ese debate “non se pode facer mentres non se aclara a gobernabilidade en Catalunya nin até que o PSOE estea de acordo co PP”.

Porén, defendeu o actual marco de financiamento para Galiza. “Calquera presidente de calquera comunidade se cambiaría por min en relación á posición que teño nas inversión do Estado”, afirmou preguntado sobre as relacións con Moncloa, para logo matizar que “non hai unha posición de partido”, senón que actúa “en función dos intereses galegos”.