Feixoo defende que goberne a lista máis votada, contra os intereses de Casado en Madrid

Feixoo defende que goberne a lista máis votada, contra os intereses de Casado en Madrid
feixoo
feixoo  

Primeiro foi Alfonso Rueda. Despois Bea Mato. E, por último, esta terza feira Feixoo. Xa non pode ser casual. Responde a unha estratexia do PPdeG, a de defender que a lei electoral é a responsábel de que o partido conservador na Galiza se vexa privado de poder municipal. Unha reforma da LOREX funcionaría para a formación conservadora en Galiza, mais non no estado e bate frontalmente contra os intereses de Casado en Madrid.


A lista máis votada en Madrid é a de Carmena. Na comunidade autónoma madrileña, a de Gabilondo. E en Barcelona, a do independentista Ernest Maragall.

De prosperar a proposta do PPdeG de modificación da lei electoral, o partido liderado por Pablo Casado no estado non tería opción de maquillar os resultados do 26M coa conquista da alcaldía e a comunidade autónoma de Madrid. Porén, e plenamente consciente desa circunstancia, Feixoo insiste en que a lexislación actual é inxusta e que a lista máis votada debería ter un plus en forma de escanos. Nunha entrevista na COPE, emisora próxima ao aparato do PP en Madrid, voltou a defender ese criterio. O inquilino de Monte Pío introduciu mesmo un matiz, a hipótese de estabelecer unha segunda volta no caso de que a primeira non deitase un resultado claro.

A insistencia do PPdeG neste asunto —non menor, as leis electorais son clave en calquera sistema democrático— obedece á intención declarada de Feixoo de reforzar o seu perfil como dirixente con maior autoridade —con maior poder institucional— dentro do partido. Ao proxectar ese discurso a mensaxe implícita é a de que o PPdeG, ao contrario que o PP estatal, si estaría en disposición de rentabilizar unha reforma da lexislación electoral que primase a forza máis votada. 

Con efecto, se imos aos resultados do 26M, e no ámbito urbano máis populoso do país, veremos que unha reforma feixoniana da lei electoral outorgaría ao PP as alcaldías de Ferrol, A Coruña e Lugo —onde foi primeira forza, aínda que estivese en clara minoría nun pleno dominado polas forzas da esquerda estatal e o nacionalismo galego. Coas actuais normas de xogo, o PP non ten opcións de soster ningún bastón de mando nas 7 cidades galegas.

Non é este o único asunto en que Feixoo ten marcado claras distancias con Casado: desde as xerais do 26A o líder galego ten prodigado os apelos a un reposicionamento centrista do partido (sen por iso, iso si, condenar os acordos con Vox, imprescindíbeis neste momento para a dereita gobernar).