Feijóo di que anularía de novo o concurso eólico embora ser declarado ilegal

Feijóo di que anularía de novo o concurso eólico embora ser declarado ilegal
[Imaxe Parlamento de Galiza]
[Imaxe Parlamento de Galiza]  

O presidente da Xunta afirma que a xustiza avalou a súa decisión mais esquece que as sentenzas do TSXG e do Supremo sinalan desviación de poder no proceder do seu goberno. 


Após uns días da sentenza do Supremo que ratifica a ilegalidade da suspensión do concurso eólico ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), o presidente da Xunta afirmou no Parlamento que "sen dúbida", volvería facelo. 

Feijóo pronunciouse nestes termos logo de que o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, o interpelase en sesión plenaria ao respeito. "Qué opinión lle merece a sentenza?", preguntou o voceiro nacionalista lembrando que senllas sentenzas declaran ilegal a suspensión do concurso e mesmo apuntan a desviación de poder na que incorreu o daquela conselleiro de Industria, Javier Guerra, ao empregar a lexislación para un obxectivo distinto que atendía a intereses partidarios. 

Malia isto, Núñez Feijóo negou a maior e mesmo asegurou que existen "12 sentenzas" favorábeis á decisión adoptada polo seu goberno. O mandatario galego criticou o BNG a quen acusou de ter unha "obsesión". 

Porén, o Supremo non só desestima o recurso de casación presentado pola Xunta senón que aclara que o fai porque o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza foi claro ao dar conta da ilegalidade cometida. Un feito que para o grupo parlamentar do Bloque supuxo unha decisión "sectaria" por parte do executivo de Feijóo. 

No número 151 do semanario en papel, que sairá do prelo esta cuarta feira (24 xullo) revisaremos as repercusións da sentenza ditada polo Supremo nunha reportaxe na que repasaremos o conflito legal xurdido após a suspensión do concurso eólico.