Feijóo dubida de que BNG e PSOE vaian adelgazar as deputacións

Feijóo dubida de que BNG e PSOE vaian adelgazar as deputacións
[Imaxe: Xunta de Galiza]. Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa
[Imaxe: Xunta de Galiza]. Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa  

“Entre o que din e o que fan hai unha gran diferenza”, así saíu Feijóo do paso do acordo de goberno asinado entre o BNG e o PSOE para a Deputación da Coruña, que contempla o adelgazamento dos entes provinciais.


En rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o presidente, Alberte Núñez Feijóo expresou as súas dúbidas sobre o adelgazamento das deputacións á que se comprometen o BNG e o PSOE, que esta mañá asinaron o acordo de goberno para a Deputación da Coruña.

O acordo asinado entre ambos os partidos –que se basea no acordo marco asinado a semana pasada- recolle expresamente como un dos eixos centrais o adelgazamento do ente provincial. Sobre isto, Feijóo sinalou que “entre o que din e o que fan hai unha gran diferenza”. “Non creo que o que se diga teña algo a ver co que se faga”, salientou, despois de apuntar que “nos atopamos ante o mesmo enunciado sen varias os contidos das deputacións no sentido máis tradicional das mesmas”.

Para Feijóo o anuncio de adelgazar as deputacións vén ser "o mesmo que xa vivimos noutras lexislaturas co bipartito"

Máis unha vez, Feijóo recorreu ao manual de propaganda do Partido Popular para afirmar que se trata do “mesmo” que se viviron noutras lexislaturas co “bipartito”. Concluíu que as pretensións de BNG e PSOE sobre os entes provinciais non suponen “nada novo”.

No pacto de goberno asinado esta mañá polo próximo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González (PSOE), e pola que será a vicepresidenta e portavoz do goberno, Goretti Sanmartín (BNG), atópase, amais do adelgazamento das deputacións até chegar á súa desaparición, darlle todo o protagonismo aos concellos e democratizar de maneira radical o funcionamento destes entes provinciais.