SESIÓN DE CONTROL

Feijóo non contesta a Villares que delegado do goberno o alertou sobre as fotos con Marcial Dorado

Feijóo non contesta a Villares que delegado do goberno o alertou sobre as fotos con Marcial Dorado

O portavoz de En Marea formulou no Parlamento a pregunta que o presidente se negara a contestar aos xornalistas. Tamén sen éxito. Núñez Feijóo cargou con dureza na sesión contra Ana Pontón (BNG) e Villares, que o instaban a atender as demandas das mobilizacións sociais.


Luis Villares preguntou a Núñez Feijóo o nome do delegado de goberno que o alertara [segundo o propio Feijóo reoñeceu na entrevista con Jordi Évole] sobre a existencia das fotos súas co narco Marcial Dorado e a resposta foi a mesma que recibiron os xornalistas que a semana pasada fixeran idéntica pregunta: nada. O presidente pasou por riba da cuestión e centrouse, na quenda de resposta, en atacar o portavoz de En Marea. Ataque con munición vella, como a da crítica ao seu escaso apoio interno no partido instrumental, e con munición nova: a polémica pola identificación policial dunha deputada do seu grupo canda mozos aos que a Policía acusa de “vandalismo”. Feijóo non desaproveitou esa bala e centrouse en pedir a Villares que tomase medidas ao respecto.

"Por que vostedes non atenden o clamor na rúa a favor da prisión permanente non revisábel?" (Núñez Feijóo)

A sesión comezou coas preguntas do BNG e En Marea sobre a actitude do goberno galego perante as últimas mobilizacións, un “clamor” social en defensa da sanidade pública, das pensións ou da igualdade real de homes e mulleres que Feijóo desoe, criticaron.

“Ante o malestar social que se expresa na rúa, vostede que fai?”, preguntou Ana Pontón, “Toma nota e dialoga? Non, responde con prepotencia e chulería”. A portavoz nacionalista reprochou a Feijóo que “prefira defender antes a Rajoy que a Galiza” e instouno a dar pasos para solucionar cuestións como as baixas pensións ou a fenda salarial.

“Ante o malestar social que se expresa na rúa, vostede que fai? Responde con prepotencia e chulería” (Ana Pontón)

Na mesma liña, Villares afirmou que na rúa hai “un clamor” que o executivo galego non escoita. Puxo o exemplo do 8M e citou como mostra do escaso compromiso do PP coa loita das mulleres o que acontecera con Baltar. O propio presidente do Parlamento, Miguel Santalices, interveu no debate para dicirlle a Villares que “iso [a denuncia contra baltar] foi arquivado e vostede debería sabelo”.

"Que delegado o alertou de que atoparan fotos súas con Marcial Dorado?" (Luis Villares)

Na réplica, Feijóo cargou con dureza contra Ana Pontón, á que acusou de mentir e manipular, e reprochándolle que “cando vostedes gobernaban, as mulleres ían ao paro”. A respecto de atender as demandas das mobilizacións sociais en Galiza, Feijóo preguntou a Pontón por que ela “non atende o clamor social pola prisión permanente non revisábel ou o clamor pola defensa da Constitución en Catalunya”.

"En Galiza hai 670.000 persoas maiores de 65 anos. Moitas votarían por vostedes pero agora están anoxadas" (Fernández Leiceaga)

Fernández Leiceaga (PSdeG) tamén levou o tema das pensións á sesión de control, estendendo a cuestión á carencia de servizos para as persoas maiores, denunciando a falla de prazas en residencias públicas e concertadas. Tampouco gostou Feijóo da pregunta e argumentos dos socialista e, nunha actitude cada vez máis frecuente, empregou a quenda de réplica para atacar o que fai a pregunta. Neste caso, acusando o PSOE de ser o responsábel de que as pensións sexan tan baixas.