Feijóo gábase de política contra a pobreza perante unha oposición que lle apón o aumento da exclusión social

Feijóo gábase de política contra a pobreza perante unha oposición que lle apón o aumento da exclusión social

Ana Pontón (BNG) lembroulle que a taxa de risco de pobreza aumentou un 25% no últimoa no e Antón Sánchez (AGE) reprochoulle preocuparse desta cuestión só de cara ás eleccións.


Foi Mark Twain quen apuxo a Benjamin Disraeli a frase de “hai mentiras, grandes mentiras e estatísticas”. E as estatísticas, precisamente, estiveron moi presentes na sesión de control ao presidente da Xunta desta cuarta feira no Parlamento galego, unha sesión na que BNG e AGE preguntaron a Feijóo pola pobreza e exclusión social no país. O mandatario da Xunta botou man de series de datos para afirmar que o risco de pobreza é menor en Galiza que no resto do Estado, asegurou que “somos a autonomía de toda España co plan máis ambicioso contra a pobreza”, debullou os investimentos e cifras feitos nos seus gobernos e, ademais, tivo tempo para atacar o nacionalismo (“crense na posesión da verdade”) e os gobernos das marés.

“Somos a autonomía de toda España cun plan máis ambicioso contra a pobreza” (Núñez Feijóo)

A portavoz do BNG, Ana Pontón, interpelou o presidente sobre varios dos aspectosa ver coa “emerxencia social”: o aumento da taxa da pobreza (“702.000 persoas en risco de exclusión social”) e o incremento das persoas que embora ter traballo, isto non lles permite evitar o risco de pobreza. “En Galiza hai 180.000 persoas que traballan por un ingreso anual inferior a 2.000 euros, o que vostede gaña nunha semana”, apontou para, a seguir, preguntarlle: “De que Galiza fala vostede cando nos dí que estamos a saír da crise”.

“As políticas do PP trouxeron unha innovación social: persoas que traballan e seguen a ser pobres” (Ana Pontón, BNG)

Antón Sánchez, voceiro de AGE na Cámara galega, acusou Feijóo de se preocupar da pobreza e exclusión só por cuestións electorais. “Todos os servizos de primeira necesidade aumentaron mentres os salarios caían”, manifestou Sánchez, que reprochou ao presidente que mentres pide que non se empregue politicamente a pobreza, as súas políticas e decisións aumentan esta.

“A vostede da pobreza só lle preocupa un aspecto, o electoral” (Antón Sánchez, AGE)

O presidente botou man nas súas quendas de respostas dun dos seus argumentarios recorrentes nas sesións de control. Que Galiza está mellor que a súa contorna. Así, dixo que no Estado tiñan unha situación máis preocupante, presumiu do plan asinado esta semana con 26 ONGs e a Fegamp e insinuou que a oposición falsificaba as estatísticas.

“Adicouse a facer varreira en Madrid e esqueceuse de Galiza” (Patricia Vilán, PSdeG)

Estreouse a nova portavoz do PsdeG no parlamento, Patricia Vilán, preguntando ao presidente sobre transferencias e financiamento. A socialista reprochou ao goberno de Feijóo non solicitar transferencia algunha, para alén de “ficar mudo” perante un sistema de financiamento autonómico que non é acaído aos intereses galegos. Feijóo defendeu que a transferencia máis importante foi “manter o autogoberno”, asegurando que “en Galiza non manda o goberno de España, manda a Xunta” e acusando os socialistas de estar á favor da proposta de “cupo galego” defendida polo BNG.