NÉGASE A COMPARECER NO PARLAMENTO

Feijóo reitera a excusa das peaxes de A Barcala e Rande para explicar a non transferencia da AP9

Feijóo reitera a excusa das peaxes de A Barcala e Rande para explicar a non transferencia da AP9
Feijóo, co ministro que se opón á transferencia
Feijóo, co ministro que se opón á transferencia  Foto: Ministerio de Fomento

Feijóo continúa a explotar o mesmo xacimento argumental sobre a transferencia da AP9. Non a quer mentres Madrid non asuma as peaxes de A Barcala e Rande. O presidente da Xunta négase a comparecer no Hórreo tal e como lle pide o conxunto da oposición.


O goberno de Rajoy non está disposto a que a proposición de lei do Parlamento galego se tramite no Congreso porque asegura que a transferencia implicaría unha modificación á alza dos orzamentos. Feijóo, no canto de criticar esta posición, enlea aínda máis o debate ao afirmar que non quer a AP se o Estado non se compromete a asumir as peaxes de A Barcala e Rande, polas que a administración galega paga por volta de 7 millóns de euros ao ano.

Non parece nada doado que Fomento vaia asumir esas peaxes, sobre todo tendo en conta que o que alega para bloquear a tramitación da proposición de lei no Congreso é que precisamente a súa posta en práctica suporía elevar o gasto público por cima do previsto dos orzamentos do Estado.

Destarte, nen Madrid quer a transferencia nen Monte Pío a desexa nas condicións en que se podería producir en primeira instancia. Esta posición de Feijóo é a que ten levado a Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, a afirmar recentemente que o maior atranco para a transferencia da AP9 non era nen Íñigo de la Serna, ministro de Fomento, nen Mariano Rajoy, senón o propio presidente da Xunta.

Feijóo, na comparecencia perante a imprensa posterior ao Consello da Xunta, afirmou esta quinta feira que non lle ve sentido a comparecer no Parlamento galego para explicar a súa posición sobre a transferencia da AP9. 

"Se estamos de acordo na transferencia da AP9, de que se trata? De rachar o acordo? Eu non vou rachar o acordo sobre a transferencia. Chegamos a un acordo no Parlamento que imos manter. Se agora hai distintos responsábeis políticos na Galiza que o queiran rachar, que o digan", dixo Feijóo.

Mais o acordo das forzas políticas galegas -e traducido na proposición de lei do Parlamento- non colocaba como conditio sine qua non, para a transferencia se materializar, a asunción por parte do Estado das peaxes de A Barcala e Rande.  Si que estabelecía, para evitar o bloqueo ao que o Goberno do Estado submeteu a iniciativa orixinaria, unha disposición adicional que literalmente reza así: "O traspaso efectivo regulado no artigo 2 non suporá incremento algún dos créditos nen diminución dos ingresos previstos na lei de orzamentos xerais do Estado en vigor". Porén, e mesmo con este compromiso explícito, a Moncloa continúa a vetar a iniciativa co invariábel argumento de que a transferencia levaría aparellado, para o Estado, un custo económico non orzamentado.

"Non hai nengunha discusión no traspaso da AP9. Estamos todos de acordo, mais o goberno galego non asumirá transferencias que lle supoñan máis gasto a Galiza", dixo Feijóo.

Para a oposición, o argumento de Feijóo en relación ás peaxes de A Barcala e Rande non deixa de ser unha "excusa" e unha estratexia para desviar a atención da súa incapacidade para conseguir que o PP estatal asuma a demanda do Parlamento galego. 

"Como é posíbel que 7 millóns de euros sexan un problema cando o Estado vai investir 4.000 millóns de euros nas radiais madrileñas", ten dito a este respeito Ana Pontón (BNG), a formación política que deu o primeiro impulso á iniciativa que findou por se tornar na proposición de lei do Parlamento galego.