#8M NO PARLAMENTO

Feijóo reivindica o “feminismo sen etiquetas” fronte a unha oposición que lle lembra o seu apoio a Baltar

Feijóo reivindica o “feminismo sen etiquetas” fronte a unha oposición que lle lembra o seu apoio a Baltar
Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda no Parlamento de Galiza.
Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda no Parlamento de Galiza.  

Nunha sesión de control marcada pola reivindicación do 8 de Marzo, o BNG instou o goberno a “non amparar quen acosa”, non financiar centros que segregan alumnos por sexos e un compromiso de rescindir contratos con aquelas empresas que vulneren a igualdade ou estean condenadas por acoso. 


A sesión de control ao presidente da Xunta desta cuarta feira, 8 de marzo, estivo marcado polo Día Internacional das Mulleres. BNG, En Marea e PSdeG aproveitaron as preguntas a a Núñez Feijóo para facer un repaso sobre a situación das mulleres en Galiza e cuestionar a política da Xunta a este respecto. A portavoz do BNG, Ana Pontón, instou a Feijóo a tirar algo en limpo da sesión e emprazouno a apoiar tres propostas concretas, a saber: que a Xunta deixe de financiar centros que segregan os alumnos por sexo, que se rescindan contratos con aquelas empresas que incumpran lei de igualdade ou estean condenadas por acoso laboral. A terceira, “que non ampare a quen acosa”, en referencia a Baltar, presidente da Deputación de Ourense e do PP desa provincia, investigado por un delito de acoso sexual. “A dereita galega mira para outro lado con Baltar”.

Na súa quenda de resposta, Feijóo afirmou crecer “no feminismo sen etiquetas” e non no “feminismo nacionalista ou independentista” para a seguir, e rizando o rizo, vencellar nacionalismo galego e o eurodeputado polaco de extrema dereita que recentemente deu un discurso contra os dereitos das mulleres na Cámara comunitaria. Ana Pontón solicitou que se retirase esa afirmación e preguntou o presidente que entendía por “feminismo sen etiquetas”: “Que as mulleres non poidan decidir sobre o seu propio corpo? Que se segrege en colexios por sexo?”. O caso da condutora Nélida Pisco, que vén sufrindo desde 2009 unha situación de acoso laboral, foi denunciada na súa intervención pola portavoz do BNG como un exemplo do que moitas mulleres sofren .

O tweet de Carmen Santos            

O portavoz de En Marea, Luis Villares, lembrou na súa intervención que “sen mulleres o mundo non funciona” ao tempo que preguntaba ao presidente sobre que políticas adoptou o seu goberno para garantir a igualdade. Feijóo, na súa quenda, lonxe de responder, emprazou Villares a que se desculpase por un tweet de Carmen Santos “con declaracións impresentábeis” que desde o PP entenden que os vinculaba con asasinatos machistas.

O voceiro de En Marea parabenizou con retranca a Feijóo pola súa “boa técnica” para eludir responder ás preguntas formuladas polo seu grupo e lembroulle que responder é “a súa obriga estatutaria e constitucional. Sorprendeuse Villares que o PP se “indigne” tanto por un malentendido nun tweet por mor dun erro gramatical e afirmou que En Marea indígnase por cuestións como as mulleres asasinadas. Cargou contra Feijóo por amparar e defender Baltar e acusou goberno de recortar en 40% os orzamentos das políticas destinadas a igualdade.

Avanzos

Fernández Leiceaga (PSdeG) instou a Xunta a actuar “de xeito máis decidido” sobre as desiguais condicións de emprego que sofren as mulleres. Lembrou que a taxa de paro feminina é maior que a masculina ou a fenda salarial. Cuestións que Feijóo despachou afirmando que esas ratios eran peores na media española.  O presidente reivindicou “os avanzos” logrados nestas décadas, pondo como exemplo como na primeira lexislatura do parlamento había só 3 deputadas e na actualidade son 45% dos parlamentares.