Feijóo reivindica en Madrid a Manuel Fraga e a Constitución

Feijóo reivindica en Madrid a Manuel Fraga e a Constitución
Feijóo
Feijóo  

O presidente da Xunta participou na Convención estatal do seu partido cun discurso de ton claramente unionista no que afirmou que o ex-ministro franquista “estaría orgulloso deste PP” e defendeu a Carta Magna española de 1978 no momento no que máis posta en dúbida se atopa por amplos sectores da cidadanía. 


No momento no que máis postos en dúbida se atopan, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo saíu en defensa da Constitución e do proceso de reforma do franquismo coñecido como Transición, como fixo no discurso que ofreceu dentro da Convención estatal que esta fin de semana celebra o PP en Madrid. 

Nun ton unionista e nun acto de grande importancia para as súas aspiracións -cada vez máis evidentes- de pasar á política estatal, Feijóo afirmou que “a Constitución é unha gran catedral política, obra de todos os cidadáns, e defendémola con orgullo xa que é o resumo das achegas e renuncias de todos os españois en prol do consenso”. “A Carta Magna pechou anos de enfrontamento”, engadiu, esquecendo que na actualidade é criticada por millóns de persoas. 

O titular do Goberno galego tamén aproveitou a súa intervención para gabar a figura do fundador da súa formación e ex-ministro franquista Manuel Fraga, do que asegurou “estar seguro de que se estivera vivo e acudise á Convención, estaría máis orgulloso que nunca do PP”. Curiosamente, estas declaracións coinciden cun pico de casos de corrupción que afectan a este partido. Así mesmo, poden entenderse como unha defensa de Rajoy ante as críticas que recibiu do ex-presidente José María Aznar.