SESIÓN DE CONTROL

Feixóo abre a porta a un cuarto mandato

Feixóo abre a porta a un cuarto mandato

O presidente abre a porta a un cuarto mandato nunha resposta ao portavoz socialista: “Estaremos até 2020, como mínimo”. A oposición ínstao, una vez finalizada a ‘aventura madrileña’ a se centrar nos problemas de Galiza.


Fechada a aventura madrileña, Feixóo non desbota prolongar o seu futuro político en Galiza. Xa non hai salto a Madrid así que Galiza preséntase como o único campo de xogo que lle queda ao presidente. Na sesión de control desta cuarta feira, Núñez Feixóo abriu a porta á posibilidade dun cuarto mandato. Fíxoo durante a resposta á intervención do portavoz socialista, Fernández Leiceaga, cando manifestou: “Estaremos até 2020, como mínimo”. Ese engadido’, “como mínimo”, semella apuntar a una nova candidatura de Feixóo á fronte do PPdeG para aspirar á Xunta.

"Son español. É o que somos os galegos, españois" (Núñez Feixóo)

A renuncia de Feixóo a se candidatar para o PP español foi un dos temas presentes nesta sesión de control, así como (na boca dos portavoces do BNG, PSdeG e En Marea) a situación de manipulación dos medios públicos galegos, evidenciada na demisión de dous presentadores de telexornais.

Axenda Galega

Ana Pontón, portavoz nacionalista, foi a primeira en intervir. Instou Feixóo a dar portazo ao “servilismo a Madrid” e centrarse na defensa dos intereses de Galiza, poñendo sobre a mesa cuestión como a transferencia da AP-9, un sistema de financiamento xusto para o país, a derrogación da prórroga de Ence, entre outras cuestións.

"Será un gusto poder derrotalo en 2020" (Luis Villares)

O presidente cargou con dureza contra a nacionalista, á que acusou de ter una axenda que “defende a ideoloxía nacionalista por riba dos galegos”. Sacou peito como "único presidente constitucionalista dunha nacionalidade histórica” e mesmo apuntou que en Galiza “hai vida intelixente” e por iso “[os votantes] entenden que vostedes son o peor para o país”. A maiores, defendeu que a intervención desta segunda feira perante a xunta directiva do PPdeG foise integramente en español: “Son español. E por ser español teño dereito e obriga de usar o castelán. É o que somos os galegos, españois".

Rectificar o rumbo

Xaquín F. Leiceaga (PSdeG) emprazou Feixóo a aproveitar os dous anos que fican de lexislatura: “ten que cumprir o que prometeu, sanear o seu balanzo”. Convidouno a facer actuacións en diversos campos, desde a política forestal até a de servizos públicos ou lei de dependencia. A se centrar nos “problemas” do país.

"Houbo un momento que lamentei que Feixoo marchase para madrid: por se ficaba Tellado de presidente" (Fernández Leiecaga)

Feixóo quixo agradecer o ton de Leiceaga e instouno a que colaborase para conseguir do novo goberno español, socialista, avanzos para Galiza. “Confórmome con que o PSOE faga caso á metade das cousas que vostedes pediron aquí”.

 2020

Luis Villares preguntou sobre a mina de Touro e os seus posíbeis efectos e prexuízos na ría de Arousa. Instou a Xunta a se posicionar neste tema “coa cidadanía” e non cos intereses da empresa. O portavoz de En Marea tamén meteu o dedo na renuncia de Feixóo a competir pola presidencia do PP (“onde haxa un bo paseo pola Ría de Arousa [en referencia ás polémicas fotos en iate co narco Marcial Dorado], que se quite o Manzanares”.

"Recoñece o erro do seus servilismo como presidente de Galiza a Madrid? vai facer propósito de emenda?" (Ana Pontón)

Que Feixóo continúe en Galiza ten un punto positivo, considera Villares: “Será un gusto poder derrotalo en 2020”, dando por sentado que Feixóo optará a un cuarto mandato.

O presidente entrou ao trapo do ton do debate e respondeulle cun “asinaría todos os avais que fagan falla para que vostede continúe a ser o líder carismático de En Marea”. Non sen antes atacar con dureza o portavoz por “non respectar as institucións” e por “crear alarma social”.