O PP REXEITOUNO REPETIDAMENTE NON CONGRESO

Feixóo afirma agora que Sánchez non se pode negar a transferir a AP-9

Feixóo afirma agora que Sánchez non se pode negar a transferir a AP-9
Alberto Núñez Feixóo na Radio Galega. Foto: CRTVG.
Alberto Núñez Feixóo na Radio Galega. Foto: CRTVG.  

As ansias do presidente da Xunta pola transferencia da AP-9 son inversamente proporcionais ao poder que o seu partido ten en Madrid. Aínda que o Parlamento galego se pronunciou por unanimidade a prol do traspaso, o Partido Popular negouse mesmo a debatelo no Congreso. Agora que o Executivo central mudou, Feixóo afirma que “Pedro Sánchez non pode negarse á transferencia”.
 


Expúxoo nunha entrevista na Radio Galega este domingo. Nela, Núñez Feixóo púxolle deberes ao Goberno de Pedro Sánchez. Que coinciden con aquelas cuestións que a propia Xunta obviou, ou reclamou de maneira máis laxa, mentres Mariano Raxoi residiu na Moncloa: a conexión coa meseta por AVE -que quere en probas en 2019-, a reforma do financiamento autonómico e máis o traspaso da autoestrada.

Desde que Feixóo asumiu a presidencia do Goberno galego en 2009, non houbo ningunha competencia nova para a Xunta. Cero. O PP galego nin sequera deu explicacións pola parálise no desenvolvemento administrativo e estatutario. “Se hai un mínimo de coherencia política”, di agora, “o Partido Socialista en Madrid e en Galiza nos últimos anos dixo si á transferencia da autoestrada. Así, o único que falta agora é concretar cales son os investimentos previstos [na infraestrutura], cal o custo das peaxes, e asinar o decreto de transferencia”.

Autoxustificación


Na mesma entrevista da Radio Galega, a primeira nun medio de comunicación galego despois da súa sonada marcha atrás e a renuncia a competir pola presidencia do PP estatal, Feixóo seguíu construíndo o seu relato ao respecto. “Coherencia” e “compromiso”, dixo, foron as razóns dunha freada a última hora que outros analistas atribúen ao peso do pasado. A un pasado de paseos pola ría en compañía do narcotraficante Marcial Dorado, máis exactamente.

Mais nada diso trasloce na historia que o presidente da Xunta difunde, coa axuda dun medio ambiente mediático extremadamente favorábel aos seus intereses e da súa organización política. “Estarei en Galiza como mínimo ate 2020”, asegurou nos micrófonos da radio pública -que vive unha inaudita vaga de protestas dos traballadores, quen denuncian manipulación gobernamental da información.

“A miña decisión responde ao interese por cumprir a palabra dada”, expuxo, e engadiu que “todo” o que é en política éo “grazas á confianza dos galegos e iso non se pode manchar”. Non obstante, durante dez días estivo testando se contaba con forza abondo para abandonar a política galega e encabezar a sucesión de Raxoi no PP. Finalmente optou por non se arriscar.