Feixóo “volvería facer exactamente o mesmo” no proceso que levou á desaparición das caixas

Feixóo “volvería facer exactamente o mesmo” no proceso que levou á desaparición das caixas

BNG e En Marea acusan o presidente de mentir ao basear a fusión das entidades nunha auditoría que non é tal. Se tivese pudor, demitiría”, díxolle Ana Pontón. Luis Villares instouno a presentar no Parlamento a carta de encargo á consultora KPMG.


A sesión de control ao presidente no parlamento foi un mal trago para Feixóo, que perante as preguntas e denuncias de BNG e En Marea sobre a ‘falsa’ auditoría de KPMG coas que o goberno avalou as caixas respondeu con nerviosismo e agresividade. Mostras de que o tema non era terreo a gosto do presidente.

Ana Pontón (BNG) espetoulle a Feixóo que “se tivese pudor, demitiría. Os galegos non merecen un presidente que lles minta”. A portavoz nacionalista extraeu unha palabra do dicionario para cualificar Feixóo na xestión das caixas: Alburgueiro(mentirán, troleiro). Responsabilizouno de esfarelar o sistema financeiro galego e pediulle que presentase no Parlamento o traballo completo realizado por KPMG sobre as caixas, así como que presentase tamén o contrato con esta consultora (que cobrou un millón de euros por ese informe). E Pontón fixo unha terceira petición ao presidente: que pedise perdón. “Á hora da verdade traizoou este país e permitiu a venda fraudulenta de Novacaixagalicia”.

Luis Villares (En Marea) emprazou Feixóo a que presentase no Parlamento a carta de encargo a KPMG para o traballo sobre as caixas. “Así podemos saber se lle pedíu unha auditoría ou non”, dixo, ao tempo que repasaba as diferentes afirmacións de Feixóo sobre  que era ese informe. “Se non ten (ese documento) é unha ilegalidade e se o ten e non o entrega, tamén”, afirmou o portavoz de En marea.

Feixóo atacou duramente os dous portavoces e defendeu que a fusión das caixas estaba avalada por diferentes informes e traballos, así como co visto bo do Banco de España. “Volvería facer exactamente o mesmo”, dixo após acusar o BNG de estar en posicionamentos como os que defendían algúns directivos das antigas caixas, “nunca o BNG caeu tan baixo”; e de atacar a En Marea, aos que acusou de gostar do “sistema bancario da Venezuela de Maduro”.