AS TRES DEREITAS

Feixoo avisa que só votando PP será posíbel o 155

Feixoo avisa que só votando PP será posíbel o 155
Alberto Núñez Feixoo
Alberto Núñez Feixoo  

O presidente da Xunta chamou desde o mitin de Ourense a militancia e cargos de Ciudadanos e Vox a votar o Partido Popular para garantir unha maioría que apoie o 155.


Alberto Núñez Feixoo participou no mitin do PP en Ourense, desde onde afirmou que “até os que teñen carné e cargos en Ciudadanos e VOX” deberían votar o Partido Popular no Senado “para que haxa unha maioría que apoie o 155”.

A carreira electoral vai chegando a súa fin e as problemáticas de Galiza continúan sen asomar cabeza nos discursos dos partidos estatais. Porén, o presidente de Galiza, preocupado pola existencia do autogoberno catalán, alertou que se hai unha división do voto nas urnas para o Congreso é prexudicial porque non poderá gobernar a dereita. A maiores, enfatizou que tal división para o Senado “sería directamente contraproducente”.

Feixoo aludiu a que a división do voto de dereitas fai perigar as opcións de volver gobernar

Nun máis que reiterado chamamento a pechar filas entorno ao PP, Feixoo aludiu a que a división do voto de dereitas fai perigar as opcións de volver gobernar; e chamou deshonestos a Ciudadanos e Vox por pediren o voto para a aplicación do artigo 155 da Constitución española e non pedilo para o PP, “porque sen maioría non se poderá facer nada”, afirmou Feixoo.

Feixoo pregou ao público asistente non sumar “máis incertezas dividíndonos”

“PP só hai un” engadiu o presidente da Xunta de Galiza, en referencia a que as outras dúas dereitas non teñen a o percorrido do Partido Popular.

Avogou desde a cidade das Burgas “para que a maioría ampla de españois que quere responsabilidade, menos impostos, máis xestión, máis oportunidades e máis emprego” vote o Partido Popular. E reiterou, que aquelas persoas que prefiran un goberno “que se deba a todos e non aos que queren que a España lle vaia mal, se una nas urnas”: Feixoo pregou ao público asistente non sumar “máis incertezas dividíndonos” e chamou de novo a unirse no “valor seguro para España que é o Partido Popular”.