“SON BENVIDOS A ESTA CONVOCATORIA”, DECLAROU

Feixoo "branquea" en Madrid a ultradereita de Vox, a Falanxe e España 2000

Feixoo "branquea" en Madrid a ultradereita de Vox, a Falanxe e España 2000
[Imaxe: La Sexta] Feixoo, na manifestación de Madrid
[Imaxe: La Sexta] Feixoo, na manifestación de Madrid  

Após modificar a súa axenda da súa viaxe oficial aos EUA, Alberto Núñez Feixoo participou na manifestación convocada polo PP, Ciudadanos, Vox e outros colectivos de ultradereita, en Madrid. En alusión a grupos como a propia Vox e Falanxe, sinalou que “aqueles que defenden e aceptan a Constitución e a convivencia son benvidos a esta convocatoria”.


Tal e como anunciara, Feixoo chegou a tempo para asistir á manifestación convocada en Madrid pola ultradereita contra o Goberno de Pedro Sánchez. O presidente da Xunta alterou a súa axenda para non perder unha mobilización que compartiu con membros do seu partido, de Ciudadanos e de Vox, alén doutros colectivos de ultradereita.

Preguntado por se se sentiu incómodo da man de Vox, a Falanxe ou España 2000 na mobilización que decorreu na mañá do domingo en Madrid pola unidade de España e contra o Goberno de Pedro Sánchez, o presidente da Xunta respondeu que se manifestou co PP e que “aqueles que defenden e aceptan a Constitución e a convivencia son benvidos a esta convocatoria”.

Feixoo, que noutrora abrazara o autonomismo, sinalou, en declaracións aos medios, a importancia de “non dar a sensación de que un Goberno autonómico está ao mesmo nivel que o Goberno da nación”. Instou Pedro Sánchez a rectificar a súa política con Catalunya e a permitir á cidadanía que se pronuncie nas urnas. “Debería facer caso”, dixo, “a Felipe González e Alfonso Guerra”, ironizou.

“Cando un Goberno ten unha manifestación como esta e ten unha contundente resposta no que ha de facer, calquera Goberno democrático nun país debe rectificar”

Á vez que milleiros de persoas se mobilizaban en Compostela contra as políticas de recortes da Xunta en materia de sanidade, Feixoo atreveuse a dicirlle a Sánchez que “cando un Goberno ten unha manifestación como esta e ten unha contundente resposta no que ha de facer, calquera Goberno democrático nun país debe rectificar”.

O presidente da Xunta, que acusou o independentismo catalán de “non querer negociar, senón impoñer”, advertiulle ao Goberno do PSOE que non “pode saír da Constitución”, onde “non está a autodeterminación”. Precisamente, o pasado sábado, Sánchez aseguraba nun acto convocado en Barakaldo que non aceptará nunca o dereito á autodeterminación.

Na mesma liña, Feixoo considerou que o presidente do Goberno central carece de “autorización” para “negociar en nomes dos españois as cousas que lles afectan, como é a unidade de España e a dignidade do país”. Advertiu de que a figura de mediador provocou “este incendio de indignidade”, en alusión á manifestación de Madrid.

Por último, acusou Sánchez de estar “secuestrado” polos independentistas e dixo que “un presidente do Goberno secuestrado é un presidente moi perigoso”.