Feixoo, supervivente do vello réxime unha década despois de chegar a Monte Pío

Feixoo, supervivente do vello réxime unha década despois de chegar a Monte Pío
Feixoo, durante un acto do PP en 2012
Feixoo, durante un acto do PP en 2012  PPdeG

10 anos despois de dar a sorpresa e gañar as eleccións galegas fronte ao bipartito (PSdeG-BNG), Feixoo é un supervivente nun taboleiro político galego totalmente renovado. A súa única perspectiva, salvo a de que se lle volva abrir a ventá de oportunidade madrileña, é a de perdurar.


1 de marzo de 2009. Contra prognóstico e contra a demoscopia coñecida, as listas lideradas do PPdeG lideradas por Alberto Núñez Feixoo conseguían 38 escanos, o número máxico da maioría absoluta, e voltaban a enviar á oposición ao PSdeG e ao BNG, que ficaban con 25 e 12 escanos, respectivamente, após a súa efémera experiencia de goberno bipartita. A batalla decisiva libraríase na circunscrición coruñesa: o leve retroceso nacionalista, unha acta menos, abría as portas de Monte Pío ao sucesor de Fraga.

Aquel era o antigo réxime: só tres forzas políticas contaban. Dereita e nacionalismo unidos. O PSdeG como único referente no espazo da esquerda estatal.

10 anos despois, Feixoo aparece como un supervivente nunha paisaxe política absolutamente transformada, como se fose filla dun tsunami. Hai tres novos actores: En Marea, Cs e Vox. E pode haber até un cuarto, a organización tripartita (Anova, EU e Podemos) que se escinda do partido villarista. Unha fragmentación sen precedentes.

E o que resulta máis curioso é que no fondo Feixoo continúa prisioneiro do pasado, como ilustra calquera sesión de control ao goberno das que se verifican cada quince días no Pazo do Hórreo. Feixoo é incapaz de facer política sen utilizar o retrovisor, isto é, sen atacar o bipartito, sen fustrigar unha obra de goberno que deixou de producir efectos na sociedade galega hai xustamente unha década. Para o político de Os Peares o reloxo está parado. Os anos de xefe da oposición ao bipartito son o seu paraíso perdido.

Por exemplo, as políticas de igualdade. A oposición argumenta que a fenda salarial aumentou en míl euros desde que Feixoo está en Monte Pío, dato que, na guerra de cifras á que o presidente galego é tan afeizoado, é contrarrestado por este co contra-argumento de que con el ao frente do executivo se duplicaron o número de prazas nas garderías, de 12 a 24 mil. E así un pouco todo.

Como lidar coas mudanzas no taboleiro?

Concluída a sùa primeira década, e a pesar dos seus múltiples amagos de abandono (o último, real, foi abortado por fogo amigo e impediulle concorrer como candidato alternativo a Soraya Sáenz de Santamaría), o grande proxecto político de Feixoo é permanecer no poder. A diferenza do que fixo Fraga, Feixoo non se preocupou en absoluto en preparar a súa sucesión, porque ese é un escenario que sinxelamente non está na súa axenda. As súas preocupacións son outras: como non se ver contaminado pola deriva dereitista de Pablo Casado (que poría en risco o voto máis centrista dun partido que nas últimas eleccións galegas conquistou a cota do 47 por cento do voto) e como lidar cos novos referentes conservadores, Cs, e reaccionarios, Vox.