A OPOSICIÓN PREGUNTA POLA LINGUA, O AUTOGOBERNO E A PRECARIEDADE

Feixoo deberá responder no Parlamento pola virada centralista do seu partido

Feixoo deberá responder no Parlamento pola virada centralista do seu partido
Imaxe dun pleno no Parlamento de Galiza. Foto: cedida.
Imaxe dun pleno no Parlamento de Galiza. Foto: cedida.  

O xiro discursivo do PP estatal repercutirá no Parlamento de Galiza. A oposición obrigará Feixoo a responder pola virada recentralizadora que, con radicalismo, está a adoptar Pablo Casado. Lingua, autogoberno e precariedade laboral protagonizarán a sesión de control do vindeiro pleno.
 


Será o BNG quen interrogue o presidente da Xunta a respecto da “proposta estrela” de Casado de “impor a través dunha lei orgánica que o castelán sexa indispensábel para acceder a un emprego público pero o galego só un mérito”. Para a portavoz nacionalista Ana Pontón, isto é “un disparate”.

“O PP volve utilizar en campaña mentiras contra o galego”, engadiu en referencia a 2009, cando o partido de Núñez Feixoo se sumou ás campañas de axitación españolista do colectivo Galicia Bilingüe xusto antes de gañar as eleccións pola mínima.

O PSdeG tamén quere que o presidente da Xunta explique “a década de parálise do autogoberno”. Feixoo suma dez anos sen recibir, nin sequera reclamar, competencia algunha. Tan só nos últimos meses o PP apoiou iniciativas de traspaso da AP-9. O líder dos socialistas no Hórreo, Xaquín Fernández Leiceaga, tamén criticou as posturas españolistas dos populares no que respecta ao galego.

“Sabemos que hai distintas visións sobre que se debe facer coas linguas propias, mais a Xunta debe ser absolutamente firme e contundente na defensa do noso marco de convivencia lingüística”, afirmou, en liña semellante a Pontón, que pedira que Feixoo “defena o que di o Estatuto de Autonomía”.

En Marea, porén, usará a súa quenda na sesión de control para expoñer “a precariedade laboral” que, a xuízo do seu voceiro Luís Villares, afecta Galiza, “especialmente en sectores feminizados”. Escolleu como exemplo o centro de chamadas Bosch, en Vigo, cuxa dirección vén de formular un ERE para 800 das 2.000 traballadoras da planta.

“A Xunta debe intervir”, sinalou Villares, “non existen motivos obxectivos para este ERE en Bosch, expoñente dun sector moi precariazado”.



x