ATACA O NACIONALISMO POLA QUEIMA DE AMBULANCIAS

Feixoo deixa en suspenso o xiro autonomista do PPdeG

Feixoo deixa en suspenso o xiro autonomista do PPdeG
Feixoo, nunha sesión parlamentar
Feixoo, nunha sesión parlamentar  

Unha década despois de chegar a Monte Pío, Feixoo continúa a exercer como xefe da oposición. É o rol no que realmente se sente cómodo. Oposición ao bipartito (2005-2009), ao goberno Zapatero (2004-2012) e ao executivo Sánchez (xuño de 2018-actualidade). A sesión de control ao presidente da Xunta desta cuarta feira volveu pór de manifesto que a táctica favorita de Feixoo é o contragolpe. Pontón pediulle o cesamento do conselleiro de Sanidade e o titular do goberno galego contra-atacou deslizando unha suposta connivencia do nacionalismo coa queima de ambulancias.


As sesións de control rara vez saen do guión preestabelecido. Son como esas partidas de xadrez que se xogan de memoria, con todos os movimentos programados polos equipos de analistas dos xogadores. Feixoo sabía de antemán por onde ían atacar as forzas da oposición (a alteración da axenda presidencial para ir a un acto partidario, a entente do PP coa ultradereita) e Pontón, Leiceaga e Villares tiñan ben claro como ía contra-argumentar o inquilino de Monte Pío (o BNG vai da man de Otegi e Junqueras ás europeas, o PSdeG aplaude un orzamento do estado desastroso para Galiza, En Marea é unha sucursal de Podemos e apoia Nicolás Maduro...).

No temario da question time desta semana tiña un lugar de destaque a fotografía de Feixoo na Praza de Colón e a ligazón dese episodio co recúo do PP na reivindicación da elevación do teito competencial para Galiza. Por aí descargou as súas baterías Ana Pontón o día despois de o PP votar na cámara contra unha proposta nacionalista para transferir salvamento marítimo á administración galega. "Se [Casado] non lles deixa ter máis competencias, exerza cando menos a que xa temos", díxolle a líder do BNG. A resposta do titular da Xunta é que "a competencia de salvamento marítimo non a teñen nin Euskadi nin Catalunya", como se eses países tivesen o mesmo problema de siniestraliedade no mar do que o noso.

"Vosté pon en risco o dereito á saúde"

Feixoo elixiu estar con Vox en Colón o mesmo día que miles de persoas marcharon en Compostela contra a súa política sanitaria. "Vosté pon en risco o dereito á saúde", censurou Pontón, quen a seguir fixo un listado de demandas ao presidente da Xunta, entre elas o cesamento do conselleiro de Sanidade e o incremento en 200 millóns de euros dos fondos destinados á atención primaria. A resposta de Feixoo foi polo rego do esperábel: ignorou a petición de destitución —tampouco fixo unha loa de Jesús Vázquez Almuíña— e botou man das estatísticas oficiais para facturar un clásico, a comparativa entre as cifras do bipartito e as do actual goberno. Segundo os seus números, con el na presidencia da Xunta as partidas para a atención primaria aumentaron nun 10 por cento. Os de Pontón son ben distintos: desde que está Feixoo en Monte Pío a atención primaria dispón de 180 millóns de euros menos. A guerra de cifras é todo un rito no Pazo de Hórreo.

Foi nese tira-puxa cando Feixoo lanzou o ataque máis virulento ao BNG. "Condena o Bloque a queima de ambulancias, si ou non?", perguntou en relación aos incidentes rexistados na greve en curso. Feixoo deslizou que detrás dos ataques aos vehículos está a man sindical. Pontón respondeu que é "unha vergoña" que o titular da Xunta "veña aquí atacar o BNG" no canto de dar resposta ás súas demandas de incremento dos investimentos na atención primaria. Aí ficou a cousa. Feixoo tampouco pisou excesivamente o acelerador.

"A descentralización non sempre é a solución"

Xaquín Fernández Leiceaga pronunciou talvez a frase con maior carga política da sesión. "Non defendemos que a descentralización sexa sempre a mellor solución", dixo, se callar para xustificar por que o PSdG optou esta terza feira pola abstención na votación da iniciativa do BNG a favor da transferencia de salvamento marítimo. O portavoz da formación socialdemócrata advogou por un "federalismo equilibrado" a inserir nunha "reforma parcial da Constitución española e do Estatuto de Autonomía".

Leiceaga chamou a todas as forzas con representación no Parlamento, e especialmente ao PP, a impulsar unha Axenda polo Autogoberno, nun momento en que, enfatizou, o goberno español é "receptivo". O fortalecimento da autonomía debe facerse en todo caso dentro dos lindes que estabelece a Constitución e o Estatuto de Autonomía, resaltou.

Non recolleu a luva Feixoo, quen máis ben decretou a suspensión do xiro autonomista ensaiado polo PP o 23 de xaneiro pasado, cando contra todo prognóstico, apoiou unha iniciativa do BNG para igualar o teito competencial galego ao vasco e ao catalán. O líder conservador pon o foco exclusivamente na transferencia da AP-9 —e nas condicións en que esta se vaia verificar, en concreto na asunción por parte do estado do acordo asinado con Audasa para incrementar as peaxes un 1 por cento acumulativo durante 20 anos consecutivos— e non mostra o menor interese en apoiar o traspaso a Galiza das competencias de tráfico, iniciativa rexistada no Pazo do Hórreo polo PSdeG.

"Que pouco lle durou a vosté o traxe autonomista!"

Especialista en golpes de efecto dialécticos, Luís Villares condensou nesta frase a deriva centralista de Feixoo: "Non se pode servir a Falange [forza política que aderiu a manifestación españolista] e a Galiza ao mesmo tempo", espetou ao titular da Xunta, a quen responsabilizou de vetar durante o bipartito a reforma do estatuto de autonomía, xusto durante os anos en que outras seis comunidades autónomas terían mellorado o seu autogoberno.

Feixoo non se deu por aludido e apresentouse a si mesmo o campeón do autonomismo. Grazas a súa xestión, veu dicir, Galiza foi con Euskadi e Nafarroa a única comunidade autónoma "que non tivo intervidas as súas contas por Facenda durante os últimos seis anos", ao non ter recorrido ao financiamento do Fondo de Liquidez Autonómica [En Marea ten acusado a Xunta de que esa decisión incrementou notabelmente a débeda do país ao ter optado o goberno galego polos mercados financieros privados, con xuros máis altos que os oferecidos polo FLA].