Feixóo, a derradeira baza do PP?

Feixóo, a derradeira baza do PP?
[Imaxe: PP] Cospedal e Feixóo
[Imaxe: PP] Cospedal e Feixóo  

Para importantes sectores do conservadorismo español, Alberto Núñez Feixóo representa a última esperanza. Cun PP ao que moitos analistas consideran en fase implosiva e a nova dereita dura de Ciudadanos á alza, o aínda presidente da Xunta intensifica a súa tendencia a se deixar ver en Madrid. A estrondosa caída de Cristina Cifuentes parece despexarlle o camiño. Xornalistas e opinadores radicados na capital do Reino de España expoñen as súas consideracións sobre o relevo no partido de Raxoi. Un avanzo da reportaxe publicado no semanario #Sermos295


4O tránsito de Feixóo á política española nunca acaba de se completar. Unhas inoportunas fotografías en que aparecía acompañado do narcotraficante Marcial Dorado freárono en 2013. Agora é o incerto futuro electoral do Partido Popular o que parece arrefriar as súas ansias. Que ninguén entre os que seguen a información política madrileña negan.

“Alberto ten todas as posibilidades do mundo de suceder a Raxoi”, considera Lucía Méndez, redactora xefa de opinión de El Mundo, “é un candidato imprescindíbel. E ningún coma el reúne as características precisas”. Segundo explica contundente a Sermos Galiza, o presidente da Xunta “conta co apoio de todo o partido, non suscita ningunha crítica e é a única opción posíbel, se falamos en serio. O demais son ocorrencias”. Sempre e cando, claro, Mariano Raxoi decida non repetir.

“Con Raxoi nunca se sabe, pero agora parece que o PP está tocado. Algúns dos seus dirixentes afirman que a situación lembra a última etapa de UCD, a súa descomposición”. Ana Pardo de Vera dirixe Público. Compara Feixóo con Ruiz Gallardón pola imaxe “progresista” que proxecta en Madrid: “Polo menos mentres Gallardón tivo unha boa xefa de prensa. Logo viuse que era un ultrarreaccionario”. Eis unha das chaves da estratexia do líder do PP galego, a súa ‘dupla vida’. O político de proximidade, ‘enrollado’, mesmo crítico en voz baixa co seu partido versus a apisonadora parlamentaria do Hórreo e a súa cada vez máis escasa rendición de contas ante á cidadanía, axudado polo seu estrito control da meirande parte da prensa.

Nin da súa xestión na Xunta -mediocre, de atender aos dados obxectivos-, nin da súa ideoloxía real -plástica pero máis ben arrimada á dereita sen matices, como lembraba o ensaísta Antón Baamonde-, sábese demasiado na meseta. “Conseguiu facerse un personaxe en Madrid con frases e aparicións puntuais”, indica Gonzalo Cortizo, adxunto á dirección de El Diario, “pero non existe un criterio profundo sobre el, sobre o seu traballo no Goberno galego, sobre a súa psicoloxía”.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 295 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
 



x