REIVINDICA AS SIGLAS DO PP

Feixoo reivindica as siglas PP e desbota Galicia Suma

Feixoo reivindica as siglas PP e desbota Galicia Suma
Casado e Feixoo
Casado e Feixoo  

O proxecto España Suma impulsado por Pablo Casado non ten espazo na Galiza para Alberto Núñez Feixoo, quen reivindica as siglas do PP como mellor opción para gañar eleccións no noso país. “Na Galiza quen suma é o PPdeG” reivindicou ademais Miguel Tellado. O proxecto que Casado defende bebe da coaligación electoral de Ciudadanos, PP e UPN que baixo o nome de Navarra Suma foi primeira forza o pasado 28 de abril. 


O presidente da Xunta de Galiza desbota confluír na Galiza no proxecto electoral defendido por Pablo Casado denominado España Suma, inspirado na coaligación electoral Navarra Suma (PP, Ciudadanos e UPN) que o pasado 28 de abril quedou primeira forza en Nafarroa a pesar de non lograr o goberno.

A fórmula de Casado non só uniría Ciudadanos e populares nunhas previsíbeis eleccións xerais en outono. Así, a vicesecretaria de Política Social do PP, Cuca Gamarra, declarou a pasada quinta feira 22 de agosto a disposición do PP para que Vox puidese formar parte de España Suma. A formación de Albert Rivera, polo de agora, rexeita a proposta de Casado de integrarse nesta marca.

Teodoro García Egea rexistrou xa a marca España Suma perante a posibilidade dunha repetición electoral

Pola súa banda, o secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, rexistrou xa a marca España Suma perante a posibilidade dunha repetición electoral.

O rexeitamento de Feixoo cara a esas siglas novas cínguese á nación galega, xa que este domingo enxalzou a fórmula de Casado para "frear que a esquerda de Sánchez, de Podemos e o independentismo catalán" se fagan co goberno do Estado. Ademais, desexoulle "éxito" a un proxecto que, desde o seu punto de vista, "ten toda a seriedade".

Feixoo incidiu en que Génova “non imporá nada, ao contrario, está a ofrecer a oportunidade de facer fronte á inestabilidade política española", dada a posibilidade dunhas cuartas eleccións.

"A nosa marca é PPdeG, a que máis suma e a que máis valor engadido ten”, dixo Tellado

"O feito de que un partido político faga unha proposta con luz e taquígrafos antes dunhas eleccións para tentar unha coaligación preelectoral paréceme algo bastante máis serio que este xogo de tronos que ocorre neste momento no noso país entre Podemos, o PSOE e os independentistas cataláns e vascos", subliñou Feixoo.

Nesa mesma liña expresou esta mañá o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, nunha entrevista na cadena SER. O conservador cualificou de positiva a oferta que o PP fixo ao resto de partidos “de centro dereita” (en palabras de Tellado) para acudir unidos ás urnas baixo a marca España Suma. E, en referencia a Galicia Suma, o número dous dos populares galegos asegurou que esa fórmula na nosa nación non é necesaria, xa que “na Galiza quen suma é o PPdeG” e os datos electorais dos últimos dez anos así o acreditan. “A nosa marca é PPdeG, a que máis suma e a que máis valor engadido ten”, engadiu Tellado.