SESIÓN DE CONTROL

Pontón propón un concurso para elixir a cúpula da CRTVG e Feixóo contra-ataca co bipartito

Pontón propón un concurso para elixir a cúpula da CRTVG e Feixóo contra-ataca co bipartito
Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda no Parlamento de Galiza.
Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda no Parlamento de Galiza.  

O presidente nega no Parlamento que exista a manipulación informativa nos medios públicos embora as continuas denuncias nese sentido do propio persoal da televisión e radio galegas.


As denuncias de censura e manipulación informativa na CRTVG que o persoal deste medio público levan anos realizando e que nas últimas semanas tiveron una especial intensidade cos #venresnegros e a demisión de dous presentadores dos informativos chegou ao Parlamento de Galiza. Na sesión de control ao presidente a portavoz do BNG Ana Pontón cualificou como “grave” a situación da CRTVG, “secuestrada” para se converter nun “aparato de propaganda do PP”.

 

“Este goberno está a tope” (Núñez Feixóo)

 

Incúmprense a lei, non se implementan ferramentas como o estatuto profresional ou o consello de redacción, elimínase os informativos locais, créase una “realidade paralela” de Galiza ao gosto do PP; criticou con dureza a nacionalista.  Pontón formulou entón a Núñez Feixóo unha proposta de acordo para comezar a cambiar as cousas na CRTVG: “acabar cos nomeamentos a dedo e un concurso público para nomear a dirección da CRTVG”. A resposta de Feixóo foi a de non responder ao ofrecemento.

 

Para o presidente, non hai manipulación na CRTVG. E non a hai porque a cadea pública galega “é líder e record en audiencia de informativos”. Feixóo cargou contra a CRTVG da etapa do ‘bipartito’, á que acusou de “ter un grao de manipulación que superaba odo o posíbel”, para alén de “acumular 12 condenas por incumprir a neutralidade”.  “Que televisión queren para Galiza, o modelo [para TVE] do PSOE, Podemos, nacionalistas vascos e independentistas?”, concluíu.

 

“No caso da Valedora o PP fixou retratado, de lado da corrupción” (Luis Villares, en Marea)

 

Axenda reformista

 

Fernández Leiceaga reprochou a Feixóo que teña o seu goberno no frigorífico” polaf alla de proxectos e iniciativas. “Ten conselleiros en stand by”, aseverou o portavoz do PSdeG, que considera esta inacción incompatíbel coa promesa de Feixóo dun terceiro mandato de impulso dunha “axenda do cambio”. Leiceaga instouno a gobernar e adoptar as medidas “que precisa Galiza”. “Reformas, non propaganda”, pedíulle.

 

“Facer reformas non é o mesmo que facer propaganda” (Fwernández Leiceaga, PSdeG)

 

“Este goberno está a tope”, retrucoulle o presidente ao socialista, gabándose de que “Galiza está mellor agora que cando a atopamos” e debullando diferentes actuacións en diversos campos nestes anos que, sostén, explicarían esa mellora. Aproveitando que debatía co portavoz do PSdeG, Feixóo indicou que na súa reunión co presidente español, o socialista Pedro Sánchez, “non lle vou pedir nada que non pedise a Raxoi”, agardando que o mandatario “cumpra con Galiza”.

 

A Valedora

 

O PP sostivo esta terza feira no seu cargo a Valedora que enchufou a irmá do portavoz popular. Unha decisión que lle foi afeada polo  voceiro de En marea a Feixóo esta cuarta feira na sesión de control: “O PP avalou políticamente o enchufismo, o Partido Popular ficou retratado ao lado da corrupción”. Luis Villares cualificou como “actuación caciquil” o proceder da Valedora e preguntou ao presidente que vai facer “se a sentenza firme confirma [que houbo trato de favor]”.

 

“Teñen a CRTVG secuestrada e a facer de aparato de propaganda do PP” (Ana Pontón, BNG)

 

Feixóo, no que xa é tónica habitual nos seus debates con Villares, centrou a súa resposta ao portavoz de En Marea en atacar por dous flancos: un, cargando contra a ‘febleza’ de Villares no seo de En Marea e na desunión e enfrontamento deste espazo político. Outro, cuestionando o seu labor cando era xuíz, espallando sospeitas sobre a súa imparcialidade no posto nos meses en que era maxistrado mais, segundo a teoría de Feixóo, xa debullaba liderar En Marea.

 



x