Feixoo desdise e agora aposta en frear o traspaso de competencias

Feixoo desdise e agora aposta en frear o traspaso de competencias
Feixoo, na entrevista en Antena 3
Feixoo, na entrevista en Antena 3  

As transferencias, a ollos do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, non son prioritarias. Sinala que a “inmensa maioría” das transferencias que recolle a constitución “xa están feitas”, cando a realidade amosa o contrario. Galiza segue sen contar con competencias en tráfico ou seguridade marítima, entre outras.


Si e non. En función do día o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, muda o discurso ao redor da transferencia de competencias. Na mañá desta terza feira, nunha entrevista concedida a Antena 3, Feixoo apostou en frear os traspasos ás comunidades autónomas. E é que considera que non son “prioritarias” nun contexto, dixo, marcado pola situación a respecto de Catalunya.

Ademais, Feixoo sinalou que “a inmensa maioría” das transferencias que recolle a constitución “xa están feitas”. Mais non é así. Galiza segue sen contar coas transferencias de tráfico, do salvamento marítimo ou da seguridade cidadá.

Tamén fica sen traspasar a AP-9, unha infraestrutura chave na Galiza e sobre a que o PP mantivo distintas posicións. As ansias do presidente da Xunta pola transferencia da autoestrada adoitan ser inversamente proporcionais ao poder que o seu partido teña en Madrid.

As declaracións de Feixoo a respecto das transferencias chegan despois de acusar o Goberno de Pedro Sánchez de "atacar o autogoberno galego" e un día após de dar a coñecer o PP o seu programa electoral, en que destaca a aposta na recentralización. A proposta programática do PP recolle “unha moratoria que paralizará a cesión de novas transferencias ás comunidades autónomas”. Sinala ademais que estabelecerá “os cauces necesarios” para que as comunidades que o desexen “encomenden á Administración do Estado o exercicio daquelas competencias que poidan ser administradas de maneira máis eficaz desde o Goberno da nación”.

Hoxe si, mañá non

O cambio de criterio de Feixoo a respecto das competencias evidénciase no feito de que o seu partido permitiu, a través da abstención, no mes de febreiro o inicio da tramitación da lei para a transferencia das competencias de tráfico e seguridade viaria desde o Estado a Galiza (competencia da que xa dispoñen Euskadi, Nafarroa ou Catalunya), a iniciativa do PSdeG.

Ademais, en xaneiro, o PP aprobaba unha proposición non de lei do BNG que, en esencia, demandaba igualar o grao de autogoberno galego ao que desfrutan Euskadi e Catalunya. Feixoo trataba así de marcar distancias co perfil anti-autonomista de Casado.

O presidente das cero transferencias

Feixoo é o presidente das cero transferencias. Con Feixoo á fronte da Xunta non houbo ningunha nova competencia. Fica ben lonxe o escenario actual daquel de 2009 en que PP, PSdeG e BNG acordaban relanzar a axenda de 70 competencias que catro anos antes -co goberno bipartito- comezaba a negociar a Xunta co Estado.

Polas cero transferencias nos seus distintos mandatos, a oposición cargou nos últimos días contra Feixoo. Fíxoo cando se deu a coñecer a transferencia da xestión da AP-68 ao Goberno vasco.



x