SESIÓN DE CONTROL

Feixóo evita esclarecer se esgotará a lexislatura

Feixóo evita esclarecer se esgotará a lexislatura

O presidente negouse a deitar luz sobre se o seu futuro continúa en Monte Pío ou ben vai dar o salto a Génova a pesar das reiteradas preguntas da oposición.


De nada valeu a insistencia da oposición na sesión de control ao presidente desta cuarta feira para que Feixóo esclarecese o seu futuro: se ía esgotar a lexislatura como presidente de Galiza ou ía dar o salto a Madrid para presidir o PP. Núñez Feixóo non respondeu as preguntas nese sentido. Deu rodeos, acusou algúns portavoces de mentir, a outros díxolles que eran mero “ornamento”, negou que o PP fose un partido corrupto… Mais non desvelou se ía esgotar o seu mandato ou ía partir cara Madrid. Sobre iso, nin palabra. O máximo que chegou a dicir foi convidar os voceiros dos grupos a que llo volvesen preguntar dentro de dúas semanas.

“É indecente usar Galiza como sala de espera VIP mentres espera para coller o avión para Madrid”, díxolle Ana Pontón (BNG), quen tamén falou da “trama galega da Gürtel”, apostando en que o Consello de Contas investigue os millóns de euros en “donativos opacos”, os contratos asinados con empresas da Gürtel…

Fernández Leiceaga (PSdeG) incidiu na incompatibilidade en diversas cuestións, por exemplo financiamento, de defender os intereses de Galiza e ao tempo os do PP a nivel de estado, de aí que instase Feixóo a que clarificase  seu futuro. “Poderá en novembro cantar como Marta Sánchez: “Soy yo el que sigo aquí?”, díxolle ao mandatario de Monte Pío.

Luis Villares (En Marea) falou do “currículo B” de Núñez Feixóo. Este portavoz foi debullando diversos temas incómodos para o presidente: desde as fotos co narco Marcial Dorado até a imputación de altos cargos da súa administración por homicidio imprudente ou casos de corrupción como o ‘Campeón’. “Este merlo branco ten unha historia negra”, dixo Villares. Feixóo cargou con dureza contra el, cuestionando se mantivo como xuíz “a súa independencia xudicial” antes de pasar á política e chegando a afirmar que “"non pode volver ditar unha sentenza en Galiza nin en ningún lugar con Estado de dereito".