Feixoo identifica o seu inimigo: “Socialistas, nacionalistas e populistas”

Feixoo identifica o seu inimigo: “Socialistas, nacionalistas e populistas”
De esquerda a dereita, o candidato do PP á alcaldía de Ribeira Manuel Ruiz Rivas, o presidente do PP español Pablo Casado e o da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. Foto: PP.
De esquerda a dereita, o candidato do PP á alcaldía de Ribeira Manuel Ruiz Rivas, o presidente do PP español Pablo Casado e o da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. Foto: PP.  

Non está sendo a campaña electoral máis cómoda para Feixoo. Apenas un mes despois de que o PP colleitase o seu peor resultado histórico en Galiza, percorre o país alertando contra a división do voto na dereita, defende que o seu é un partido de centro e obvia a súa relación coa ultradereita de Vox. Este domingo, en Ribeira, apuntou ao seu particular inimigo triplo: “Socialistas, nacionalistas e populistas”.
 


Segundo a versión da realidade galega de Feixoo, “a combinación de PSOE, Mareas e BNG ten como resultado parálise, enfrontamentos e máis impostos”. Porén, foi a única cidade gobernada polos populares, Ourense, a que non conseguiu aprobar ningún orzamento no mandato que remata. A acción de goberno de Jesús Vázquez, alcalde ourensán, abalou entre o desmantelamento do anterior e apenas propostas propias.

Mais o Feixoo destas semanas fala a un tempo para Galiza e para Madrid. Consciente de que a desfeita de Casado o 28 de abril volveu situalo no disparadeiro para dirixir o PP estatal, el non se nega en redondo. E a prensa afín non lle lembra que o seu apoio foi decisivo para que o aznarista Pablo Casado se impuxese a Soraya Sáenz de Santamaría como relevo a Mariano Raxoi.

O presidente da Xunta, en todo caso, foi a Ribeira acompañado de Casado para intentar recompoñer o fragmentado espazo da dereita: “Todo os votantes de centro e dereita teñen que unirse para evitar o que pasou nas pasadas Xerais”.