O CONGRESO DO PP

Feixóo fará actos con Casado e Santamaría

Feixóo fará actos con Casado e Santamaría
Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG, durante as primarias do 5X [Foto: PPdeG]
Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG, durante as primarias do 5X [Foto: PPdeG]  Foto: PPdeG

Co candidato da ala aznarista do partido, Feixóo protagonizará esta cuarta feira un evento —reunión coas delegadas galegas ao Congreso— en Compostela. A quenda do encontro coa ex vicepresidenta do goberno, máis próxima a Raxoi do que a Aznar, será a vindeira segunda feira, en Pontevedra.


Na Galiza gañou Cospedal, mais a secretaria xeral non pasou o corte da votación estatal e non estará na votación definitiva, a que realizarán os compromisarios no congreso do partido, o domingo 21 de xullo. O 5X a diferenza entre Soraya e Casado foi moi exigua, apenas 1.600 votos, polo que o vicesecretario de Comunicación, consciente de que pode sumar os votos cospedalistas á súa candidatura, rexeitou a oferta de integración que lle formulou a ex vicepresidenta e fixo patente a súa vontade de dar a batalla até as últimas consecuencias.

 

A doutrina oficial do PPdeG é que a formación conservadora acordaría un voto en bloque dos seus 279 delegados ao Congreso do partido no estado unha vez que se pronunciasen as bases o 5 de xullo. Mais unha que vez que o fixeron, Feixóo limitouse a dicer que se manifestarían nun sentido ou noutro cando coñecesen en profundidade o proxecto que defenden a candidata e o candidato.

 

Nese trámite estamos. O PPdeG reúne esta cuarta feira os seus delegados en Compostela nun acto con Casado —e con Feixóo— en que aquel tracexará as liñas mestras da súa proposta. Polo que se vai coñecendo dela, estamos ante un relato que se caracteriza pola retórica ultra-liberal —claros acenos a Aznar e a Esperanza Aguirre— e sobre todo por unha moi marcada obsesión anti-nacionalista. Tan marcada que, envalentonado polo fragor da batalla, pouco menos que retrata Soraya como unha cúmplice do soberanismo catalán por ter aplicado unha versión light do 155.

 

O discurso de Soraya apela menos ás esencias do partido conservador —a diferenza de Casado, non ten na cabeza disputar votos a Vox— e pon máis a énfase no centro do que na direita. A ex vicepresidenta tamén se reunirá cos compromisarios galegos e con Feixóo. Será en Pontevedra o 16X, confirmaron a Europa Press fontes do PPdeG.

 

Todo indica que as e os delegados do PPdeG acabarán apostando pola candidatura de Pablo Casado, dado o combate, nada xordo, que nos últimos anos teñen librado Feixóo e Santamaría.

 

Nota de corrección: A reunión das e dos delegados do PPdeG con Casado é esta cuarta feira e non a terza como por erro consignamos na redacción orixinal desta información.



x