Feixoo marca distancias con Casado ao suxerir un achegamento ao PSOE se este mudar de política

Feixoo marca distancias con Casado ao suxerir un achegamento ao PSOE se este mudar de política
Feixoo, con Casado.
Feixoo, con Casado.  
Casado xoga a que haxa convocatoria electoral o 10N e en ningún momento da sesión de investidura recolleu a luva tendida dun Sánchez que demandaba a abstención da bancada popular para viabilizar a súa continuidade na Moncloa. Nunha entrevista na SER, Feixoo quixo meter cabeza no debate e marcar perfil propio.

Casado non contempla a hipótese da abstención nin por acción nin por omisión. Feixoo ten unha posición máis dúctil. Unha posición que evoca o estilo Raxoi. Se o antigo líder do PP chegou a ofrecer unha grande coalición a Sánchez, por que o PP se tería que fechar a algún tipo de acordo co actual inquilino da Moncloa?, pergúntase o líder do PPdeG.

Feixoo advogou por facilitar a investidura de Sánchez —vía abstención ou mesmo vía voto afirmativo—a condición de que o candidato socialista dinamitase as pontes coas forzas independentistas. E, nese sentido, Feixoo dirixiu estas perguntas retóricas ao presidente en funcións: "Está de acordo con manter a unidade do país? Con non gobernar con independentistas nas institucións? Co deseño constitucional do país?".

É curioso que Feixoo apele ao "deseño constitucional do país" cando o seu partido chegou a acordos de goberno con Vox, forza política que defende a supresión das comunidades autónomas e o retorno ao Estado centralista.